Desactivada a situación 2 no incendio forestal de Boborás, parroquia de Moreiras
Esta situación operativa de emerxencia foi declarada onte domingo pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que se vén de desactivar a Situación 2 no incendio forestal do concello ourensán de Boborás, parroquia de Moreiras. Esta situación operativa de emerxencia foi declarada onte domingo pola proximidade do lume ao núcleo de Vecoña.
Este lume iniciouse ás 21.55 horas do sábado día 13 e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 230 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 25 axentes, 51 brigadas, 31 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.