O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, inaugura en Santiago o curso “O futuro está na madeira: construción sostible e eficiente”

A Xunta impulsa a formación especializada no eido da construción en madeira a través da liña de axudas Xera-Savia

Destaca o compromiso do Goberno galego para incorporar de xeito progresivo o emprego deste elemento nas edificacións que promova ou execute a Administración pública ata acadar o 20 %

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, subliñou hoxe en Santiago a aposta do Goberno galego por promover o emprego da madeira no sector da construción, así como para formar profesionais de alta cualificación neste eido.

“A relevancia da madeira na construción sostible é clave tanto a nivel medioambiental, como no confort, saúde e benestar para as persoas”, apuntou o responsable da Xera durante a apertura do curso “O futuro está na madeira: construción sostible e eficiente”, que organiza a Fundación Arume co apoio da liña de axudas Xera-Savia, que contou cun orzamento de medio millón de euros para este ano 2026.

A acción formativa inaugurada esta mañá abranguerá toda a cadea de valor da construción con madeira: desde a xestión forestal e a transformación industrial ata o deseño de edificios confortables, eficientes e sustentables. Ademais, os asistentes contarán con máis de 30 horas prácticas en obras e instalacións co obxectivo de coñecer diferentes técnicas construtivas e as claves do deseño eficiente nas edificacións con madeira.

Fernández Ríos rematou a súa intervención lembrando o compromiso do Goberno galego para incorporar de xeito progresivo o emprego da madeira nas edificacións que promova ou execute a Administración pública ata acadar o 20 %. Un obxectivo para o que se chegou a acordos de colaboración entre organismos públicos, como os subscritos desde a Xera co SERGAS, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda (IGVS).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026