O conselleiro de Sanidade participou esta mañá no acto conmemorativo do 30 aniversario da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Gómez Caamaño destaca o 061 como factor esencial do benestar de Galicia, cunha rede de 1.500 profesionais que responden 1 millón de solicitudes de asistencia urxente cada ano
Desde 1995 a Xunta incrementou os recursos humanos e materiais dun servizo asistencial que na actualidade conta con 120 ambulancias, dous helicópteros e ferramentas dixitais avanzadas pata coordinar as urxencias en tempo real
Os usuarios do 061 cualifican este servizo de sobresaínte, cunha valoración global de 94 puntos sobre 100
O titular de Sanidade recoñece o labor dos profesionais do 061 e salienta os seus proxectos no ámbito formativo, cos que busca implicar á poboación na protección da vida
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou esta mañá o acto conmemorativo do 30 aniversario da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, un evento no que destacou a importancia deste servizo como factor esencial de benestar na nosa comunidade.
Tras poñer en valor o extraordinario camiño percorrido desde o nacemento deste proxecto en 1995, entón só cunha central de coordinación e 75 ambulancias de soporte vital básico, o titular de Sanidade explicou como a Xunta foi ampliando os seus recursos humanos e materiais.
Así, apuntou que na actualidade Galicia dispón dun sistema integral de urxencias que inclúe máis de 120 ambulancias -19 de soporte vital avanzado e máis de 100 de soporte vital básico-, dous helicópteros medicalizados e ferramentas dixitais avanzadas para coordinar a asistencia en tempo real.
Na compaña do director da Fundación Pública Urxencias de Galicia-061, Román Gómez, o conselleiro recoñeceu o labor dos preto de 1.500 profesionais (médicos, enfermeiras, operadores, técnicos de emerxencias e persoal de coordinación e transporte) para dar resposta ás necesidades de asistencia sanitaria urxente na comunidade. En concreto, subliñou que o 061 atende un millón de chamadas cada ano cada ano e responde o 94% en menos de 10 segundos.
Antonio Gómez Caamaño indicou que a mellor proba da calidade do servizo é esta rede asistencial conte cunha valoración de sobresaínte por parte da cidadanía, con 94 puntos sobre 100.
Nese sentido, o conselleiro subliñou especialmente o labor dos profesionais, aos que lles trasladou que “o mellor patrimonio do 061 sodes vós", lembrando que a historia deste servizo é "unha historia de persoas ao servizo das persoas".
Na mesma liña, aproveitou a súa intervención para recoñecer o labor dos sete directores e directoras que lideraron o 061 nestas tres décadas, con especial mención a Carmen Rial, a primeira directora do 061.
O titular de Sanidade gabou o labor educativo do 061, situando a Galicia como pioneira no uso de desfibriladores por persoal non médico formado. Así, salientou a importancia de programas de formación e concienciación cidadá na atención ás emerxencias, como RCP na Aula, Acude e Axuda, o ‘Proxecto Ariadna’ ou os protocolos coordinados co ámbito educativo para actuar ante alerxias e outros riscos nas aulas, unhas iniciativas que buscan implicar directamente á sociedade na protección da vida.
O acto do 30 aniversario da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tamén contou coa presenza da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e do xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León.