A Xunta achega 7,6 M€ ao Concello de Vigo a través do Fondo de Cooperación Local e lamenta que rexeite axudas para a promoción de emprego e de turismo
A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, sinala que o Goberno galego ingresou máis de 41 millóns á cidade desde 2020
No conxunto da área viguesa este ano foron un total de 15,1 millóns para os catorce municipios da comarca
“Non ten sentido reclamar máis fondos cando acaban de rexeitar axudas para un obradoiro e para promoción turística”, apuntou Ortiz
Vigo, 17 de xuño de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, explicou este mércores que o Goberno galego aportou este ano un total de 7,6 millóns de euros ao Concello de Vigo a través do Fondo de Cooperación Local e que desde o ano 2020 a cifra elévase ata os 41 millóns de euros.
A representante autonómica defendeu as achegas para o financiamento das arcas municipais e lamentou a negativa a recibir outras axudas. “Non ten sentido reclamar máis fondos cando acaba de rexeitar un obradoiro de emprego e fondos para a promoción turística da cidade”, sinalou Ortiz.
Referíase así á subvención de 445.000 euros concedida pola Xunta de Galicia para poñer en marcha unha nova edición do programa de emprego Vigo Capacita e que finalmente non se executará pola negativa do Concello. No mesmo sentido, a delegada tamén lembrou a axuda de 200.000 euros para promover a cidade en destino.
15 millóns na área de Vigo
No conxunto da área de Vigo, os 14 municipios integrantes recibiron un total de 15,1 millóns de euros. Tras Vigo (7,6M€), destaca Redondela (1,04M€), seguido de Cangas (969.894€), Nigrán (662.547€), Moaña (643.393€), Gondomar (631.131€), O Porriño (620.859€), Salvaterra de Miño (578.472€), Baiona (576.240€), Mos (530.155€), Salceda de Caselas (437.969€), Soutomaior (332.471€), Pazos de Borbén (217.562€) e Fornelos de Montes (211.323€).
Ortiz incidiu en que Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer desde 2011 un instrumento de financiamento estable das entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local. Regulado anualmente a través das leis de orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos.
Modelo de financiamento local
Ademais, a Xunta leva anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo de financiamento local que teña presente as especiais características da comunidade, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento, e que esa negociación se realice de forma paralela á do financiamento autonómico.
Búscase así garantir a suficiencia financeira dos concellos pero, mentres, desde a Xunta, estase a compensar estes desfases con transferencias ás entidades locais tanto co Fondo de Cooperación Local como con outras liñas de axudas específicas.
Nesta liña, cómpre aclarar que na nova Lei de Administración Local de Galicia, o Goberno galego xa prevé abordar un novo sistema de financiamento local que integrará entre outras cuestións, criterios de dispersión e envellecemento, algo que a Xunta leva reclamando durante anos ao Estado.