O conselleiro de Sanidade interveu no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño destaca o esforzo da Xunta para atraer novos médicos coa aprobación da maior oferta de formación sanitaria especializada da historia da autonomía
Remarca que coas 725 prazas aprobadas, a Xunta convoca o 100 % das acreditadas en especialidades clave como medicina familiar e comunitaria, pediatría e na nova especialidade de urxencias e emerxencias
Subliña que o modelo da Xunta é formar máis especialistas, reter máis profesionais e estabilizar e facer máis atractivas as prazas de primaria, dos PAC e das urxencias
Refire que a Xunta vén reclamando ao Goberno máis prazas MIR, máis axilidade nas homologacións dos títulos de medicina, a prolongación voluntaria da actividade ata os 72 anos e unha planificación real dos profesionais que precisa o sistema
Reitera que o Goberno central debe poñer freo aos paros dos médicos e achegar solucións para paliar o déficit de profesionais sanitarios
Subliña que o Plan de verán, dotado con 10,1 millóns de euros, conta cunha bolsa de 1.049 profesionais sanitarios voluntarios, con 237 son facultativos que remataron a súa formación na comunidade e que o Servizo Galego de Saúde conseguiu reter
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe, no Pleno do Parlamento, o esforzo da Xunta para atraer novos médicos coa aprobación da maior oferta de formación sanitaria especializada da historia de Galicia, 725 prazas para o exercicio 2026-2027.
En resposta a unha interpelación, o titular da carteira sanitaria dixo que a Xunta convoca o 100 % das prazas acreditadas en especialidades clave como son medicina familiar e comunitaria, con 207 prazas; pediatría, con 27; e na nova especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, con 24 prazas.
O conselleiro destacou tamén o reforzo da atención á saúde mental con 20 prazas de psiquiatría, 2 de psiquiatría infantil e da adolescencia e 17 de psicoloxía clínica.
Para financiar a formación sanitaria especializada a Xunta destina este ano 94,2 millóns de euros do seu orzamento.
Na súa intervención, Gómez Caamaño referiu que Galicia conseguiu reter ata o momento preto do 78 % dos médicos residentes que remataron a súa formación na comunidade. Esta porcentaxe chega a preto do 85 % no caso dos médicos de familia.
Tamén aludiu á posta en marcha do Plan de verán para garantir a protección da saúde da cidadanía. Esta ano a Xunta destinará 10,1 millóns de euros a reforzar a asistencia sanitaria neste período cunha bolsa de 1.049 profesionais sanitarios voluntarios e 237 facultativos que remataron a súa formación na comunidade e que o Servizo Galego de Saúde conseguiu reter.
A este persoal hai que engadir a planificación hospitalaria do Sergas, que manterá operativas máis do 90 % das camas, o que supón case 20 puntos por riba da media rexistrada no verán do pasado ano.
Déficit de médicos
Na súa intervención no Parlamento, o conselleiro incidiu na falta de médicos que existe en toda España, que afecta especialmente ás especialidades de medicina de familia, pediatría de atención primaria e ás urxencias, sendo competencia do Ministerio de Sanidade corrixir este déficit.
O titular de Sanidade subliñou que o modelo da Xunta pasa por formar máis especialistas, reter máis profesionais, estabilizar e facer máis atractivas as prazas de primaria, dos PAC e das urxencias e, mentres esa falta de profesionais exista, hai que garantir a asistencia cos recursos dos que se dispón.
Gómez Caamaño explicou que tan só en circunstancias excepcionais, cando non hai profesionais dispoñibles nas listas de contratación e está en xogo a continuidade da asistencia sanitaria, hai xurisprudencia que posibilita que os sistemas sanitarios poidan recorrer de xeito transitorio e como apoio para determinados postos, a médicos titulados que non teñen a especialidade.
Incidiu en que a Xunta está a reclamar ao Goberno central máis prazas MIR, máis axilidade nas homologacións dos títulos de medicina, a prolongación voluntaria da actividade ata os 72 anos, así como unha planificación real dos profesionais que precisa o sistema.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Gómez Caamaño esixiulle ao Goberno central que dialogue cos médicos, que escoite e teña en conta as súas reivindicacións, co obxectivo de parar a folga contra o Estatuto Marco que o Ministerio de Sanidade promove sen o respaldo de profesionais e das comunidades autónomas, que son as que xestionan os servizos de saúde.
Ademais, o conselleiro subliñou que esta ineptitude da ministra xa provocou a suspensión na comunidade de preto de 260.000 actos médicos entre cirurxías, consultas e probas diagnósticas.
Para rematar a súa intervención, o responsable da sanidade galega reiterou que o Goberno central debe poñer freo aos paros dos médicos e achegar solucións para paliar o déficit de profesionais sanitarios, que son os dous problemas prioritarios da sanidade pública.