A Xunta pon en valor o polo creativo do IES de Catabois como nó de aprendizaxe e innovación
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, comprobou hoxe o traballo que o alumnado de 4º da ESO desenvolveu neste espazo durante o curso
Ferrol, 17 de xuño de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o Polo Creativo do IES de Catabois, onde comprobou como o alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO desenvolven os seus proxectos competenciais, nos que tratan con especial atención aspectos como a transformación de espazos, as artes escénicas e a internacionalización, este último especialmente importante para o centro, recoñecido como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo.
O Programa de innovación educativa Polos Creativos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ten unha visión ampla, integrando o coñecemento en retos tecnolóxicos e dixitais en todos os campos do saber (humanidades, arte, ciencias sociais e naturais, etc.), desde a aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria, baseada en actividades de experimentación e investigación.
Desta forma, os Polos funcionan como nó de actividades variadas, fomentando o pensamento de deseño, o prototipado, a resolución de problemas e o desenvolvemento de competencias clave. Nestes espazos os alumnos poden investigar, organizar ideas e propostas de forma colaborativa e dar un paso máis na súa aprendizaxe, construíndo as súas propias solucións dentro dos proxectos a desenvolver, nos que poñen en práctica o aprendido en diferentes materias.
O Goberno galego dota a cada un dos Polos Creativos do material que lles corresponda, de acordo coa súa matrícula e oferta educativa, así como o mobiliario dotacional necesario para o desenvolvemento de proxectos que pretenden fomentar a creatividade, a superación de retos e problemas e o deseño de prototipos e actividades a través dunha aprendizaxe conxunta e colaborativa que inclúe prácticas e investigacións cun importante apoio das novas tecnoloxías.
Aneiros felicitou aos alumnos polo traballo realizado, así como aos profesores por dirixilos nesta “nova forma de aprender que chega coa implementación dos Polos”. Recordou tamén que o Polo Creativo do IES de Catabois ocupa a antiga casa do conserxe, que foi reformada para acoller este espazo cunha inversión por parte da Xunta de 48.400 euros.