Román Rodríguez anima a traballar todos unidos na mellora da PAU en favor do alumnado galego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliña que se consensuará cos reitores as medidas propostas de carácter estrutural e conxuntural

Explica que o Goberno galego pon aos estudantes no centro para unha Proba de Acceso á Universidade que lles dea certezas e seguridade

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anima a traballar todos unidos na mellora da Proba de Acceso á Universidade (PAU) en favor do conxunto do alumnado galego. O representante da Xunta subliñou hoxe no Pleno do Parlamento a importancia de “remar na mesma dirección” para acadar un modelo de exame que sexa o máis seguro posible e que blinde a igualdade de oportunidades das mozas e dos mozos galegos ante o escenario dun distrito universitario único a nivel estatal con 17 portas de entrada.

O titular de Educación da Xunta subliñou que se trata de “poñer aos estudantes no centro” con melloras consensuadas coas tres universidades públicas galegas e sempre dentro do marco normativo establecido no Real Decreto estatal de 2024.

No marco desta proposta colaborativa, o responsable de Educación do Goberno galego vaise reunir cos reitores das tres universidades públicas para analizar a folla de ruta neste senso impulsada pola Xunta, cunha proposta que avoga por dar pasos adiante en firme tanto no planto estrutural, para unha proba máis xusta e homoxénea, como no conxuntural, en canto a operatividade e seguridade da mesma.

Por outra banda, Román Rodríguez tamén respondeu a unha pregunta en materia  de atención á diversidade de xénero, un tema no que lembrou que Galicia “foi pioneira” en garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero no ámbito educativo a través dun protocolo específico. O conselleiro defendeu a igualdade “está totalmente integrada nas aulas” a través dun traballo “constante, transversal e sostido no tempo” avalado pola normativa, por currículos que inclúen a perspectiva de xénero de maneira transversal nas distintas etapas e por programas específicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2026