O conselleiro de Sanidade respondeu a unha pregunta no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño sinala a responsabilidade directa e exclusiva do Goberno de España sobre a suspensión de preto de 260.000 actos médicos en Galicia pola folga contra o Estatuto marco
Considera sorprendente que despois de xerar un conflito extraordinario, o Goberno central pretenda trasladar agora ás autonomías a responsabilidade de solucionalo
Defende a necesidade de diálogo entre o Ministerio de Sanidade e os profesionais e reitera a súa disposición a colaborar na procura dunha solución ao conflito creado polo Executivo central
Subliña que a Xunta está ao carón dos profesionais na defensa dun marco de regulación propio para os facultativos, así como ao carón dos pacientes, tentando que a folga teña o menor impacto posible nas súas vidas
Pide á ministra que rectifique, dialogue cos profesionais e coas comunidades e que presente unha nova proposta reforma que sexa froito do consenso
Fronte ao proceder do Ministerio de Sanidade, o conselleiro pon en valor os numerosos acordos acadados nos últimos anos pola Xunta coas organizacións sindicais do ámbito sanitario
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou hoxe a responsabilidade directa e exclusiva do Goberno de España sobre a suspensión dende decembro de preto de 260.000 actos médicos en Galicia como consecuencia da folga contra o Estatuto Marco impulsado polo Executivo central.
En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, remarcou que resulta sorprendente que despois de xerar un conflito extraordinario, o Goberno central pretenda trasladar agora ás comunidades autónomas a responsabilidade de solucionalo.
Por iso defendeu a necesidade de diálogo entre o Ministerio de Sanidade e os profesionais e reiterou a súa disposición a colaborar na procura dunha solución ao conflito creado polo Executivo central.
O conselleiro fixo unha valoración negativa da aprobación do Anteproxecto de lei do Estatuto Marco por parte do Goberno de España, porque é o gran fracaso dun modelo de imposición que prescinde do diálogo, do consenso e da lealdade institucional.
Neste sentido subliñou que a Xunta está a carón dos profesionais na defensa dun marco de regulación propio e dunha mesa de negociación vinculante; e tamén ao carón dos pacientes, tentando que a folga teña o menor impacto posible nas súas vidas.
Tamén lembrou que ningunha comunidade pode modificar o Estatuto Marco para incorporar as demandas dos médicos, xa que é competencia do Executivo central e referiuse á soidade na que se atopa a ministra, que está “fronte aos profesionais sanitarios, que levan meses mobilizándose; fronte ás organizacións médicas, que reclaman cambios na proposta; fronte aos gobernos autonómicos, que piden diálogo real; e fronte aos pacientes, que están sufrindo as consecuencias”.
Petición de diálogo
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde pediulle á ministra que se sente cos profesionais, que escoite as súas demandas, que dialogue coas comunidades autónomas e que presente unha nova proposta froito do consenso, xa que a sanidade pública necesita acordos e non confrontación.
Fronte ao proceder da ministra de Sanidade, o conselleiro puxo en valor os acordos asinados nos últimos anos pola Xunta coas organizacións sindicais, destinados a mellorar as condicións laborais e retributivas dos profesionais sanitarios, cun importante investimento económico do Goberno galego.