O titular do Executivo galego participou no acto do 30 aniversario do Consello Social da Universidade de Vigo

Rueda destaca ás universidades galegas como un dos principais motores de progreso da comunidade autónoma

Pon en valor a medida pioneira da matricula gratuíta nos estudos superiores, que supón un aforro anual para as familias galegas duns 7,7 millóns de euros

Agradece o compromiso e implicación do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que hoxe foi homenaxeado

Vigo, 17 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe que as universidades galegas exercen como verdadeiros motores sociais e de progreso para a comunidade autónoma. Así o sinalou esta tarde durante a súa participación nos actos de conmemoración do 30 aniversario do Consello Social da Universidade de Vigo e no acto de homenaxe ao seu presidente, Ernesto Pedrosa.

O titular do Executivo autonómico reafirmou o compromiso do Goberno galego coas universidades, unha aposta que se plasma en iniciativas como plan de financiamento, unha ferramenta distintiva do sistema galego que permite blindar os investimentos a medio prazo; o plan de infraestruturas; ou o apoio á investigación.

Fixo especial fincapé na gratuidade da matrícula nestes estudos superiores, unha medida pioneira en Galicia que en setembro comezará o seu terceiro curso en vigor. Supón ás familias galegas un aforro anual de 7,7 millóns de euros.

Por último, eloxiou o traballo que realizou durante estes anos o Consello Social para fortalecer e modernizar a Universidade de Vigo e agradeceu o compromiso e implicación do seu presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2026