Martina Aneiros destaca o valor da aprendizaxe práctica na III Carreira Greenpower Galicia nas Pontes

As Pontes (A Coruña), 18 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acudiu esta mañá no circuíto de karting das Pontes á III Carreira Greenpower Galicia, unha competición de vehículos eléctricos fabricados desde cero polos participantes.

A cita, organizada pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pertencente ao Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) e a escudaría As Pontes Motorsport, reuniu no recinto a doce equipos procedentes de centros educativos e asociacións de Galicia, Asturias e o País Vasco na pugna por lograr percorrer o maior número de quilómetros sen esgotar a batería.

Durante a súa intervención, Aneiros destacou que este tipo de experiencias prácticas “axudan a aprender facendo, que é unha das mellores formas de aprender”. Apuntou tamén os valores que este tipo de actividades fomentan, como o traballo en equipo, a responsabilidade ou a capacidade de buscar solucións, algo que, segundo asegurou, “é precisamente o que necesitamos para afrontar con garantías os retos enerxéticos e medioambientais que temos por diante”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026