Belén do Campo visita a mesa informativa de Agaela e destaca o compromiso do Goberno galego coas persoas afectadas por ELA e as súas familias

A delegada tamén destacou a colaboración que a Xunta mantén co terceiro sector e, en particular, con Agaela, entidade beneficiaria dun dos locais do Espazo Amizar 

A Coruña, 18 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe a mesa informativa instalada pola Asociación Galega de Afectadas e Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela), unha iniciativa destinada a sensibilizar á cidadanía sobre esta enfermidade neurodexenerativa e a recadar fondos para continuar a prestar apoio ás persoas diagnosticadas de ELA e ás súas familias.

Durante a visita, a delegada puxo en valor o traballo que desenvolve Agaela en Galicia, ofrecendo atención, acompañamento e orientación ás persoas afectadas, así como apoio psicolóxico, servizos de información e programas de rehabilitación que contribúen a mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias. Subliñou tamén o papel esencial do movemento asociativo como complemento á atención pública.

Neste sentido, lembrou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas afectadas por ELA, que se materializa nunha liña específica de axudas económicas pioneira dirixida a estes pacientes e ás súas familias, que permite facer fronte a gastos derivados da enfermidade, como produtos de apoio, adaptacións do fogar ou tratamentos de rehabilitación.

A delegada destacou ademais a colaboración estable do Goberno galego con Agaela a través de diferentes programas financiados con cargo ao 0,7 % do IRPF, destinados ao apoio do terceiro sector. En concreto, trátase do programa de “Banco de Produtos de Apoio: máis autonomía e mellor calidade de vida, do programa de “Respiro Familiar: de apoio para quen coida” e do programa “Compromiso coas persoas con ELA e as súas familias”. Estes tres programas, resoltos a comezos de xaneiro, supoñen un apoio económico superior aos 45.000 euros, reforzando de maneira significativa a capacidade de atención da entidade.

A través destas iniciativas, Agaela desenvolve un labor esencial que inclúe a atención presencial ás persoas con ELA e ás súas familias, a coordinación do voluntariado, a organización de actividades de formación e sensibilización e o desenvolvemento de accións de acompañamento. Un traballo que resulta fundamental para garantir unha atención de calidade e continuar medrando como organización.

Agaela é ademais unha das entidades beneficiarias de locais no Espazo Amizar. O pasado 23 de xullo renovouse a súa permanencia neste recurso, que se consolidou como un punto clave para a atención, información e acompañamento das persoas afectadas por ELA na provincia da Coruña.

Desde este espazo, a entidade ofrece atención presencial, coordina o traballo dos voluntarios, organiza actividades formativas e de sensibilización e desenvolve programas de apoio continuo, contribuíndo de maneira decisiva á mellora da calidade de vida das persoas usuarias.

Belén do Campo agradeceu o labor diario de Agaela e o compromiso do seu equipo e do voluntariado, e animou á cidadanía a colaborar nesta xornada solidaria, fundamental para dar visibilidade á enfermidade e seguir reforzando os servizos de apoio ás persoas afectadas por ELA e ás súas familias.

A Xunta de Galicia reafirma así o seu compromiso coa atención integral a este colectivo, traballando da man das entidades sociais para avanzar na inclusión, na sensibilización e na mellora da calidade de vida das persoas afectadas por esta enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026