A Xunta entrega ao CEIP plurilingüe Os Casais de Fene o áccesit da categoría para alumnado de 3º e 4º de primaria dos Premios Cooperativismo no Ensino 2026
Fene (A Coruña), 18 de xuño de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, entregou hoxe ao CEIP Plurilingüe Os Casais de Fene o áccesit da categoría para alumnado de 3º e 4º de Primaria dos Premios Cooperativismo no ensino 2026, polo seu traballo Cooperando por un patio feliz. Alí, Mariño sinalou que esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca promover entre as novas xeracións os valores e principios do cooperativismo e da economía social, como a colaboración, a participación, a solidariedade, a responsabilidade compartida e o emprendemento colectivo.
Nesa liña, a directora xeral lembrou que os Premios Cooperativismo no ensino se convocan cada ano conxuntamente cos Premios á Cooperación, que recoñecen o labor, traxectoria e compromiso das cooperativas galegas e cuxa resolución se publicará proximamente. Concluíu felicitando o resto de centros galardoados — de Moaña, Barreiros, Sanxenxo, Vigo e A Coruña— nas modalidades de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, así como na de FP e de Ensinanzas de Réxime Especial. Os premios están dotados con contías que oscilan entre os 1.500 e os 4.500 euros.