Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.30 h. de hoxe

Extinguido o incendio de Xermade, parroquia de Roupar, que afectou finalmente unha superficie de 36 hectáreas

Continúa controlado o lume de Padrón, parroquia de Herbón, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 350 hectáreas

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.30 horas de hoxe.

A CORUÑA

Controlado Padrón-Herbón

Continúa controlado, desde as 20:49 horas de onte mércores, o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, que se iniciara o pasado venres, día 12, ás 16.01 horas e no que foi preciso declarar temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.

As últimas estimacións sinalan que este incendio afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para traballar na súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 107 axentes, 142 brigadas, 106 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.

LUGO

Extinguido Xermade-Roupar

Ás 13.56 horas de hoxe deuse por extinguido o incendio do concello de Xermade, parroquia de Roupar, que afectou finalmente unha superficie de 36 hectáreas, das cales 25 corresponden a monte raso e as 11 restantes a arborado. Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 18/06/2026