Martina Aneiros sinala a importancia de eventos como o Gadis Surf Festival para dar visibilidade internacional ao litoral de Ferrol

Ferrol, 19 de xuño de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación dunha nova edición do Gadis Surf Festival Ferrol, un dos grandes eventos do surf que este verán volverá converter Ferrol nun punto de referencia internacional deste deporte. A cita celebrarase do 24 ao 28 de xuño na praia de Esmelle e no cámping As Cabazas.

Durante a súa intervención, Aneiros salientou a relevancia deste campionato, apuntando que “reforza a práctica deportiva, fomenta hábitos de vida saudables e contribúe tamén a dar visibilidade ao noso litoral, ao noso patrimonio natural e á capacidade que temos para seguir medrando como destino”. A delegada tamén trasladou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, “que apostan pola calidade, pola proxección exterior e pola dinamización do territorio, sempre coa mirada posta nun modelo sostible e respectuoso co entorno”, sinalou.

O festival volverá incluír probas do circuíto mundial Junior WSL JQS e Longboard LQS. Ademais da competición, o público poderá gozar de propostas complementarias como actuacións musicais, o campionato de skate que se celebra paralelamente, ou o mercadillo de marcas emerxentes, entre outras actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026