O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o representante da Fundación asinaron o novo convenio de colaboración
A Xunta renova por catro anos máis o seu compromiso coa ‘Fundación A Víctimas de Tráfico’ para facilitar apoio legal e emocional
O Servizo Galego de Saúde proporcionará ao persoal da fundación que vaia a desenvolver a súa actividade nos seus centros as acreditacións necesarias que faciliten acceso ás súas dependencias hospitalarias
Cada hospital facilitará que a información, apoio emocional e asesoramento se poida facer en correctas condicións de intimidade e confidencialidade
Entre os anos 2022 e 2026, data de vixencia do acordo anterior, esta colaboración permitiu atender 631 persoas
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia vén de renovar por outros catro anos máis a súa colaboración coa Fundación A Víctimas de Tráfico, entidade que ten por fin prestar asesoramento técnico e legal, asistencia e intervención de apoio emocional presencial no ámbito hospitalario aos accidentados de tráfico e ás súas familias.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e Inocencio Gutiérrez en representación da Fundación, asinaron o correspondente convenio de colaboración. No acto de sinatura estivo presente o xerente e a vicexerenta do Servizo Galego de Saúde, Luis León e Carmen Balboa, respectivamente.
O documento asinado ten como obxectivo establecer o marco de colaboración entre o departamento sanitario da Xunta e a dita fundación para prestar asesoramento legal, apoio e asistencia emocional aos accidentados de tráfico e ás súas familias, sempre que de forma expresa e libre queiran recibir dita asistencia.
O convenio tamén regula a actuación da fundación no ámbito dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, en colaboración cos responsables asistenciais do hospital na atención integral a ditos pacientes.
Actividades
Entre as actividades de asesoramento da fundación están os dereitos dos accidentados (prazos, trámites administrativos, incapacidades, indemnizacións, coberturas dos seguros), apoio con psicólogos especializados en psicoloxía de emerxencias, ou a intermediación na achega de recursos en colaboración con outras empresas ou entidades (material ortopédico, apoio domiciliario, reinserción laboral, etc.).
Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde proporciona ao persoal da fundación que vaia a desenvolver a súa actividade nos seus centros as acreditacións necesarias que faciliten acceso ás súas dependencias hospitalarias. Así, cada hospital facilitará que a información, apoio emocional e asesoramento se poida facer en correctas condicións de intimidade e confidencialidade.
Estas actuacións no ámbito hospitalario dos profesionais da Fundación en ningún caso afectarán ao normal funcionamento dos centros e servizos dependentes do Sergas, nin interferirán nos circuítos asistenciais.
No período de vixencia do convenio anterior, entre os ano 2022 e 2026, a través desta colaboración atendéronse 631 persoas.
Este convenio enmárcase no cumprimento do mandato emanado da Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, que instaba á Xunta a revisar e mellorar os protocolos de atención ás familias no caso de falecemento en accidente dalgún dos seus membros.