María José Gómez destaca o incremento en 1,5 M€, ata os 11 M€, das axudas para os seguros agrarios e anima a unha maior contratación no eido agrícola

Así o puxo en valor a conselleira do Medio Rural durante a súa visita a un viñedo en Ribadumia na que lembrou tanto a agricultores como a gandeiros a importancia de subscribir pólizas para protexer as súas producións

Lembrou que desde a Consellería xa se lle solicitou en varias ocasións ao Ministerio de Agricultura a necesidade de incorporar o mildio e a Dermatose Nodular Contaxiosa nos seguros

Salientou que os máis de 60 M€ destinados pola Xunta desde 2017 a esta finalidade, xunto coa cada vez maior concienciación, permitiron incrementar o aseguramento no sector, sobre todo no ámbito agrícola, que é no que menos pólizas se contratan

Ribadumia (Pontevedra), 19 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o compromiso da Xunta cos seguros agrarios, que se pon de manifesto co incremento de fondos destinados ao seu fomento. Nunha visita a un viñedo en Ribadumia, a conselleira lembrou que esta mesma semana se publicaba no Diario Oficial de Galicia a ampliación en 1,5 millóns de euros do orzamento para apoiar a subscrición de pólizas, ata chegar aos 11 millóns de euros este ano, de forma que, segundo recalcou, estas axudas aumentáronse “como nunca”.

Asemade, Gómez subliñou que grazas a estas achegas públicas a porcentaxe de subvención para contratar un seguro pode chegar ata o 75 % do seu custo, sumando as aportacións autonómicas e estatais, e que o prazo para solicitar as axudas permanece aberto durante todo o ano. Por iso, a conselleira fixo un chamamento a agricultores e gandeiros para actuar con responsabilidade neste eido e asegurar as súas producións.

Así mesmo, a titular de Medio Rural lembrou os máis de 60 millóns de euros destinados polo seu departamento ao fomento dos seguros agrarios desde 2017. Un esforzo que, xunto á cada vez maior concienciación dos produtores, permitiu incrementar o nivel de aseguramento no sector, especialmente no ámbito agrícola, que é no que menos pólizas se contratan. Neste contexto, a conselleira valorou a suba de ata un 73 % do capital asegurado no último quinquenio, ata chegar aos 110,3 millóns de euros do pasado exercicio. Dentro deste eido agrícola, as principais producións aseguradas son o precisamente viñedo, o amorodo e froitos vermellos e os cultivos forraxeiros.

Sector gandeiro

No que atinxe ao sector gandeiro, cómpre valorar que a principal produción, por volume de primas, é o gando vacún de reprodución e produción, que no 2025 supuxo 27,76 millóns de euros de primas e 776 millóns de euros de capital asegurado, ofrecendo cobertura a máis de medio millón de animais asegurados. A continuación, destaca o seguro que compensa os gastos derivados da retirada e destrución de animais mortos na explotación.

Canto ao número de pólizas, Gómez indicou que só no exercicio pasado rexistráronse en Galicia preto de 38.000, cun capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. Na mesma liña, a titular de Medio Rural insistiu en animar aos agricultores e gandeiros a subscribir as pólizas correspondentes, porque as explotacións enfróntanse a riscos imprevisibles que poden afectar ás súas producións e que, polo tanto, comprometen a súa viabilidade económica. Para eliminar esa incerteza, os seguros agrarios son unha ferramenta fundamental, que constitúe ademais un factor de enorme estabilidade para o sector, remarcou a conselleira.

Mildeu e dermatose

En relación coa cobertura dos seguros, a conselleira recordou que a Xunta xa lle ten demandado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en reiteradas ocasións que se inclúa o mildio dentro das enfermidades subvencionables, así como tamén as novas doenzas que afectan á cabana gandeira, como pode ser a Dermatose Nodular Contaxiosa, algo “fundamental” para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026