A Xunta destaca a calidade diferenciada como ferramenta para crear valor engadido e fortalecer o sector agroalimentario

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na entrega de premios da XXVII Cata dos Viños de Valdeorras, onde destacou a importancia da DO Valdeorras como exemplo da aposta pola autenticidade, a diferenciación e a vinculación co territorio que caracterizan aos viños galegos

Salientou que a singularidade das variedades autóctonas constitúe unha das principais fortalezas do sector vitivinícola galego

Sinalou que Galicia conta cun patrimonio vitivinícola único, construído ao longo de xeracións grazas ao traballo de viticultores e adegas que souberon conservar e poñer en valor as variedades propias e as características singulares de cada territorio

Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 20 de xuño de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na entrega de premios da XXVII Cata dos Viños de Valdeorras, onde puxo en valor o papel da calidade diferenciada como ferramenta para crear valor engadido, fortalecer o sector agroalimentario e contribuír ao desenvolvemento do rural galego.

Durante a súa intervención, destacou a importancia da Denominación de Orixe Valdeorras, unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, como exemplo da aposta pola autenticidade, a diferenciación e a vinculación co territorio que caracterizan aos viños galegos.

Neste sentido, salientou que a singularidade das variedades autóctonas constitúe unha das principais fortalezas do sector vitivinícola galego. Así, fixo referencia ao papel desempeñado polo godello e a mencía, variedades estreitamente ligadas á identidade de Valdeorras e que contribuíron decisivamente ao recoñecemento dos seus viños nos mercados nacionais e internacionais.

Alemparte sinalou que Galicia conta cun patrimonio vitivinícola único, construído ao longo de xeracións grazas ao traballo de viticultores e adegas que souberon conservar e poñer en valor as variedades propias e as características singulares de cada territorio produtor.

O director destacou tamén a contribución do sector vitivinícola á xeración de emprego, á actividade económica e á fixación de poboación nas contornas rurais, ao tempo que favorece á conservación da paisaxe, do patrimonio e do coñecemento asociado ao cultivo da vide. Neste contexto, lembrou que o viño representa máis da metade do valor económico da produción agroalimentaria galega amparada por figuras de calidade diferenciada, consolidándose como un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento do medio rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2026