A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue reforza a súa actividade debido á xornada festiva do 24 de xuño
A ADOS está a desenvolver a campaña de verán “Un alento de vida”, que achegará as unidades móbiles a máis de 170 concellos galegos, co obxectivo de acadar, diariamente, ao redor de 400 doazóns de sangue
Santiago, 22 de xuño de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) intensifica esta semana a súa actividade con motivo do 24 de xuño xa que, as datas festivas, repercuten nas reservas de compoñentes sanguíneos e faise preciso aumentar as doazóns de sangue nas xornadas hábiles. Os grupos sanguíneos que presentan nivel baixo esta semana son o A Positivo e o Cero Positivo pero son precisas doazóns de todos os grupos.
A ADOS lembra que, todos os días do ano, é preciso obter 400 doazóns para garantir o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, polo que convida a todos os galegos e galegas a doar esta semana pero, tamén, ao longo de todo o verán na campaña “Un alento de vida”, coa que as unidades móbiles da Axencia terán presencia en máis de 170 concellos galegos.
Para facilitar a participación da cidadanía, na presente semana será posible doar nos locais de atención permanente ao doador existentes nas sete grandes cidades galegas ou nas unidades móbiles da Axencia que visitarán uns corenta concellos galegos:
|
DATA |
DESPRAZAMENTOS |
|
Luns 22 de xuño |
As Pontes, O Temple, Santa Cruz de Oleiros, Milladoiro (Ames), O Porto do Son, Meira, Rúa do Paseo (Ourense), A Valenzá (Barbadás), Grupo Aludec e Barrio Teis e Barrio Residencial Navia (Vigo). |
|
Martes 23 de xuño |
Arteixo, Barrio das Conchiñas (A Coruña), Brión, Coristanco, Melide, Narón, Antas de Ulla, A Lourenzá, CIE Galfor, Barrio da Cruz Alta (Ourense), Grupo Aludec, Gondomar e Rúa Príncipe (Vigo). |
|
Xoves 25 de xuño |
Cantón-Obelisco e Barrio Monte Alto (A Coruña), Alcampo Ferrol, Área Central-Fontiñas e Praza Roxa (Santiago), A Pontenova, Portomarín, Taboada, O Barco de Valdeorras, A Guarda, Grupo Junquera, Zona Ferraría (Pontevedra) e Salvaterra de Miño |
|
Venres 26 de xuño |
Cee, Praza de Armas (Ferrol), Negreira, Rianxo, Vilaboa, A Fonsagrada, O Carballiño, A Estrada, Baiona e Tui |
|
Sábado 27 de xuño |
Centro Comercial Marineda City (A Coruña), Fene, O Carballiño, A Estrada e Tui |
Labor asistencial
Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe desta intensa actividade asistencial precisa do sostemento de compoñentes sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.