Belén do Campo recibe ás meigas de San Xoán e pon en valor o seu papel como protagonistas da festa grande da Coruña

A representante do Goberno galego agradeceu o detalle recibido en recoñecemento ao seu labor institucional, e trasladou ás Meigas os seus mellores desexos para estes días de celebración

A Coruña, 22 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu esta mañá no edificio administrativo de Monelos ás Meigas de San Xoán, que lle fixeron entrega dun pequeno agasallo con motivo das actividades que celebran, un ano máis, en homenaxe á muller coruñesa, unha tradición vencellada á festa máis emblemática da cidade.

Durante o encontro, a representante do Goberno galego quixo poñer en valor que “estamos xa inmersos na semana grande de San Xoán, unha celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional e da que as Meigas son unha parte fundamental e un dos seus símbolos máis recoñecibles”.

A delegada agradeceu tamén o detalle recibido en recoñecemento ao seu labor institucional, e trasladou ás Meigas os seus mellores desexos para estes días de celebración. “Deséxovos unha semana chea de bos momentos, porque sodes as auténticas protagonistas desta festa que cada ano enche de tradición, convivencia e alegría as rúas da Coruña”, sinalou.

As actividades ao longo da xornada organizadas polas Meigas de San Xoán culminarán esta tarde cunha ofrenda floral diante do monumento a María Pita, nun acto co que se rende homenaxe á figura da muller coruñesa e ao legado dunha das personaxes máis representativas da historia da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2026