A Xunta licita por 2,7 M€ a compra dun acelerador lineal con destino ao servizo de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti
Esta licitación permite iniciar a renovación do equipamento de aceleradores lineais da comunidade
O Hospital Universitario Lucus Augusti será o primeiro centro do Servizo Galego de Saúde en incorporar esta tecnoloxía
O equipo obxecto desta licitación incorpora radioterapia adaptativa, que permite axustar o tratamento cada día en función da evolución do paciente, mellorar a precisión e reducir os efectos secundarios
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de Contratos Públicos, por un importe de 2.758.000 euros, a subministración dun acelerador lineal con destino ao servizo de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti.
Esta licitación permite iniciar a renovación do equipamento de aceleradores lineais da comunidade, como adianto ao Plan de alta tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde.
O equipo obxecto desta licitación incorpora radioterapia adaptativa, que permite axustar o tratamento cada día en función da evolución do paciente, ademais de mellorar a precisión do tratamento e reducir os efectos secundarios da radiación.
Con esta adquisición, o Hospital Universitario Lucus Augusti será o primeiro centro do Servizo Galego de Saúde en incorporar esta tecnoloxía, o que suporá dispoñer dun sistema de imaxe integrado máis avanzado, capaz de obter imaxes de alta calidade con maior rapidez e cun campo de visión ampliado.
Todo isto, permitirá calcular a dose directamente sobre a imaxe obtida no acelerador, evitando a realización de estudos de imaxe adicionais e reducindo os tempos de procedemento.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas neste contrato estará aberto ata o 7 de xullo.