O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde e o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, clausurou o acto de benvida aos novos investigadores ao Sistema de Investigación en Saúde

Gómez Caamaño destaca a incorporación de 53 novos investigadores ao sistema público de I+D+i en saúde, unha rede científica de excelencia que xa supera os 160 profesionais

A presenza feminina continúa a medrar coa incorporación de 34 novas investigadoras

O Servizo Galego de Saúde destaca como pioneiro na creación da primeira categoría profesional estatutaria específica para o persoal investigador sanitario

Sumando o orzamento das fundacións de investigación sanitaria, o investimento global da Xunta neste eido neste exercicio ascende a 80 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a incorporación de 53 novos investigadores ao sistema público de I+D + i en saúde, que se suman a unha rede científica de excelencia que xa supera os 160 profesionais.

O titular de Sanidade participou hoxe no acto de benvida aos novos investigadores que se incorporan neste ano 2026, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, e polo xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa.

En concreto, dos 53 novos profesionais un total de 34 son mulleres, o que pon de manifesto a crecente presenza feminina na investigación biomédica sanitaria. Nesa liña, actualmente, Galicia conta con tres directoras á fronte das fundacións públicas de investigación sanitaria, tanto de Santiago de Compostela como da Coruña e de Vigo.

En canto ao investimento, este ano o orzamento da Xunta dedicado á investigación sanitaria experimentou un incremento do 33,5 %, ata acadar os 31 millóns de euros. Tendo en conta os recursos das tres fundacións públicas de investigación sanitaria, a Consellería de Sanidade destina á investigación máis de 80 millóns de euros.

O Servizo Galego de Saúde foi pioneiro en España ao crear a categoría de persoal de investigación como persoal estatutario, coa incorporación de 33 investigadores como persoal estatutario.

Cómpre salientar o avance na homoxeneización das categorías profesionais e na formalización de convenios específicos que reforzan a estabilidade e a proxección de futuro deste colectivo, así como a implantación de melloras retributivas e a regulación de medidas de conciliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2026