A Xunta destina case 80.000 € aos traballos para actualizar os datos de distribución e abundancia de tres especies de aves en diferentes zonas de Galicia

O obxecto do contrato, dividido en dous lotes e con vixencia ata o 31 de outubro do ano 2027, é acometer o estudo e seguimento do paspallás, o pombo e a rula

Revisarase a súa localización e tamaño empregando métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación para avaliar a tendencia das poboacións destas especies

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2026.

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por case 80.000 euros (79.494,58 euros), IVE incluído, o servizo para actualizar a información relativa á distribución e abundancia na Comunidade de tres especies de aves —paspallás, pombo e rula— durante os anos 2026 e 2027. O contrato está dividido en dous lotes para adaptarse ao reparto xeográfico das especies mencionadas e está previsto que os traballos adxudicados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático se desenvolvan desde agora e ata o 31 de outubro do próximo ano.

En concreto, o obxecto do lote 1 é actualizar os datos relativos ás poboacións reprodutoras de paspallás, pombos e rulas presentes na comarca ourensá da Limia e, máis concretamente, nos concellos de Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras, Porqueira e Xunqueira de Ambía. O orzamento de execución destes traballos ascende a 40.614,86 euros.

En canto ao lote número 2, corresponderase coa análise da distribución dos exemplares reprodutores de rula no conxunto da Comunidade, agás na Limia —zona que xa está incluída no lote anterior—, unhas tarefas nas que se investirán outros 38.879,72 euros.

O obxecto principal deste contrato (cofinanciado nun 60% con fondos europeos do Programa Galicia FEDER 2021-2027) consistirá no desenvolvemento dos traballos necesarios para actualizar a información dispoñible relativa á distribución e á abundancia en Galicia destas especies, revisando con tal fin a súa localización e tamaño, empregando métodos básicos de observación, seguimento e cuantificación dos exemplares, o que permitirá avaliar a tendencia das poboacións dos tres taxóns.

Cómpre subliñar que esta licitación se enmarca nos obxectivos da Directiva europea relativa á conservación das aves silvestres. Ademais, a información obtida é necesaria para o cumprimento dos fins atribuídos á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que inclúen o desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade galega.

Data de actualización: 24/06/2026