A Xunta destina preto de 160.000 euros á modernización e dixitalización de 19 áreas de servizo da área territorial de Pontevedra

O delegado territorial visitou unha das beneficiadas por esta liña de axudas que recibiu unha achega de 10.000 euros coa que adquirirá sistemas de alimentación ininterrompida e desfibriladores eléctricos

López aproveitou a visita para destacar o compromiso da Xunta co apoio aos pequenos e medianos empresarios do rural

Caldas de Reis (Pontevedra), 25 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo López, visitou esta mañá a gasolineira Caldas Margen Derecho, no concello de Caldas de Reis, que foi unha das beneficiadas polas axudas da Xunta para a modernización tecnolóxica e dixital das estacións de servizo de ámbito rural.

En concreto, a empresa Los Ángeles Gas, á que pertence esta estación de servizo, recibiu unha achega de máis de 10.000 euros que lle permitirá adquirir e instalar varios sistemas e equipamentos dixitais, así como un sistema de alimentación eléctrica ininterrompida e varios desfibriladores.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de 19 áreas de servicio na área territorial de Pontevedra, por un valor de preto de 160.000 euros.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa modernización das empresas galegas e lembrou a necesidade de “seguir acompañando e axudando aos nosos empresarios para que poidan ser competitivos nun mundo cada vez máis orientado ao dixital”.  Ademais, López non perdeu a oportunidade de agradecer o traballo e a confianza de tantos pequenos e medianos empresarios que arriscan o seu patrimonio para crear riqueza, xerar emprego e, en definitiva, facer crecer Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026