O Noia Harp Fest consolídase nos Concertos do Xacobeo como cita internacional de referencia para a arpa
O director de Turismo de Galicia presentou esta mañá o festival, que terá lugar na vila de Noia do 29 de xullo ao 1 de agosto
Na súa 13ª edición, a programación reúne figuras internacionais, nacionais e galegas de diferentes estilos e orixes, con directos de balde en espazos de gran valor natural e patrimonial
Participan artistas imprescindibles do xénero como Sona Jobarteh, Siobhán Armstrong ou Maeve Gilchrist
Noia (A Coruña), 25 de xuño de 2026
Noia converterase un ano máis no punto de encontro internacional da arpa coa celebración dunha nova edición do Noia Harp Fest, que terá lugar do 29 de xullo ao 1 de agosto. O festival, integrado na programación dos Concertos do Xacobeo, reunirá algunhas das figuras máis destacadas do panorama internacional xunto a creadoras e intérpretes galegas nunha proposta que combina tradición, innovación e creación contemporánea.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá na presentación do festival e salientou que “a través dos Concertos do Xacobeo apoiamos propostas que contribúen a diversificar a oferta cultural galega, que poñen en valor o territorio e que son capaces de atraer visitantes grazas á súa singularidade e calidade”. Neste sentido, lembrou que "O Noia Harp Fest exemplifica á perfección os valores que promovemos a través dos Concertos do Xacobeo: excelencia artística, proxección internacional, innovación e conexión co patrimonio”.
O festival, que celebra este 2026 a súa décimo terceira edición tras rexistrar o ano pasado máis de 1.800 asistentes, consolídase como unha das propostas culturais máis singulares da programación estival galega. “Falamos dun evento que medra edición tras edición e que contribúe a posicionar Noia como un destino musical de referencia durante o verán galego, xerando ademais un importante retorno para a hostalaría, o comercio e o conxunto da economía local”, apuntou Xosé Merelles.
Ao longo de catro xornadas, o público do Noia Harp Fest poderá gozar dunha programación gratuíta que reunirá artistas procedentes de Europa, América, África e Galicia en espazos patrimoniais e culturais emblemáticos da vila. Cada edición, o evento converte Noia nun punto de encontro internacional arredor da arpa e das súas múltiples linguaxes musicais: tradicional, creación contemporánea, jazz, sonoridades atlánticas, experimentación electrónica e patrimonio histórico conviven nun programa que se caracteriza pola súa diversidade estilística e pola excelencia artística dos intérpretes participantes.
Grandes figuras internacionais
A edición de 2026 do Noia Harp Fest estará encabezada por tres das artistas máis destacadas do panorama internacional actual. A gambiana-británica Sona Jobarteh, primeira muller solista de kora pertencente a unha das grandes liñaxes tradicionais de griots de África Occidental, ofrecerá en Noia unha das súas escasas actuacións na Península Ibérica.
O cartel contará tamén coa presenza da irlandesa Siobhán Armstrong, considerada a máxima autoridade mundial na interpretación da arpa histórica gaélica e figura fundamental na recuperación dun patrimonio musical que forma parte da identidade cultural de Irlanda, e da escocesa Maeve Gilchrist, unha das intérpretes máis innovadoras da actualidade, recoñecida internacionalmente pola súa capacidade para expandir os límites da arpa celta mediante a fusión do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea.
Un dos sinais de identidade desta edición será a aposta pola creación propia. Así, o Noia Harp Fest producirá dúas propostas exclusivas concibidas especificamente para o festival. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia destacou que "o Noia Harp Fest non só programa concertos; tamén impulsa a creación cultural, a experimentación artística e a xeración de novos contidos que nacen en Galicia e se proxectan cara ao exterior".
Ademais da súa programación artística, o Noia Harp Fest consolídase como un espazo de creación contemporánea a través do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha iniciativa impulsada polo propio festival para ampliar o repertorio internacional de obras para arpa e orquestra.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño e tamén o Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou Gozo Festival. Xunto a eles, consolídanse propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, Costa Feira, Galicia Fest ou Ou Yeah!
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.