O conselleiro de Sanidade, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, interveu no ciclo de sesións Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses
Gómez Caamaño sitúa Galicia entre os referentes estatais na aplicación práctica da intelixencia artificial á medicina dixestiva
Pontevedra, 25 de xuño de 2026.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou Galicia entre os referentes estatais na aplicación práctica da intelixencia artificial á medicina dixestiva, grazas ao traballo liderado polo xefe do Servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria de Pontevedra, o doutor Juan Turnes, desenvolvendo, xunto co seu grupo de investigación, ferramentas orientadas a mellorar a atención aos pacientes, apoiar a toma de decisións clínicas e reforzar a formación continua dos profesionais sanitarios.
O titular da carteira sanitaria, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, interveu no ciclo de sesións Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses. Neste foro, o conselleiro asistiu á charla entre e o profesor Senén Barro, director científico do CiTIUS (USC), e o doutor Julio Mayol baixo o título IA, unha oportunidade evolutiva.
O conselleiro tivo palabras de recoñecemento para a traxectoria profesional do doutor Julio Mayol, unha das voces máis recoñecidas no ámbito da innovación sanitaria, da transformación dixital e da intelixencia artificial aplicada á saúde.
Así mesmo, felicitou ao doutor Turnes e ao grupo de investigación IDARA, integrado no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, pola iniciativa que consolida Pontevedra como centro de debate e a reflexión sobre a investigación sanitaria avanzada e os seus vínculos coa sociedade á que presta servizo.