A Xunta defende unha participación activa das rexións no futuro orzamento da Unión Europea
A xornada Europa escoita á sociedade civil reúne a representantes das institucións europeas, do Goberno de España, das CC.AA. e da sociedade civil
O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, participa nun encontro no que se abordará o futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026
A Xunta participa hoxe, na oficina do Parlamento Europeo en España, nun encontro sobre o futuro orzamento da UE. A xornada Europa escoita á sociedade civil reúne en Madrid a representantes das institucións europeas, do Goberno de España, das CC.AA. e da sociedade civil para analizar e debater as prioridades políticas e os recursos financeiros da Unión Europea para o período 2028-2034.
O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío, é o representante galego neste encontro organizado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, dedicado ao próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea. Ángel Tarrío vai reafirmar o compromiso do Goberno galego coa participación activa no debate sobre o futuro da política de cohesión, defendendo o papel das rexións na definición das prioridades europeas e a necesidade de manter unha política forte, dotada de recursos suficientes e adaptada aos retos económicos, sociais e territoriais do próximo período de programación.
A xornada conta coa asistencia de membros das Comisións de Orzamentos (BUDG) e de Desenvolvemento Rexional (REGI) do Parlamento Europeo, entre eles Isabel Benjumea, Sandra Gómez, Elena Nevado e Marcos Ros. A súa participación permite coñecer de primeira man o estado dos debates no Parlamento Europeo e as prioridades que a institución está a defender na negociación do futuro orzamento europeo.
O encontro conta tamén cunha presentación inicial da proposta da Comisión Europea para o novo Marco Financeiro Plurianual e coa intervención da secretaria xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, Mercedes Caballero. Así mesmo, representantes de distintas comunidades autónomas achegan a visión dos gobernos rexionais sobre os retos e necesidades dos territorios.
O principal obxectivo deste encontro é fomentar un diálogo aberto entre responsables políticos europeos, administracións públicas, organizacións empresariais, entidades sociais, sindicatos e representantes da sociedade civil, nun formato concibido como un exercicio de escoita activa para identificar prioridades, preocupacións e propostas que contribúan ao deseño do futuro orzamento europeo.