A Xunta concede unha axuda 17.000 euros para actuacións de mellora do illamento acústico e do equipamento para centro cívico de Canido, en Ferrol

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións para supervisar os traballos que se acometeron con cargo a unha subvención do Plan específico de acción comunitaria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Ferrol, 13 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro cívico de Canido, en Ferrol, para supervisar o resultado dos traballos de mellora acometidos pola asociación veciñal do barrio con cargo a unha subvención do Plan específico de acción comunitaria da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Á entidade concedéuselle unha axuda económica de 17.000 euros para executar o illamento acústico das portas entre espazos a través de paneis especiais e reforzo de vidro nas portas do salón de actos, así como a construción dun espazo panelado para ocultación da zona de recollida selectiva de lixo e outro espazo pechado para almacenamento de mobiliario. Ademais, mellorouse o equipamento do local coa adquisición de novas cadeiras de oficina e outras pregables, un armario e unha pantalla LED de 75 polgadas.

A delegada territorial lembrou que esta orde de axudas vai dirixida a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, co obxectivo de apoiar o movemento veciñal para mellorar a convivencia e dinamizar a vida social e cultural en todo o territorio galego.

A convocatoria deste ano está dotada con 3 millóns de euros -2,6 M€ para a liña de obras e 400.000 euros para a de equipamento-. A primeira delas abrangue actuacións de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade.

No que atinxe ás instalacións das traídas comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas, inclúense obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e outros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída.

Pola súa banda, o apoio á dotación de equipamento para o funcionamento das distintas entidades e a organización de actividades específicas facilita a adquisición de mobiliario, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2026