A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático entregou hoxe os diplomas aos participantes nas actividades organizadas polo Club de pesca Os Troiteiros

A Xunta avoga por un modelo de pesca sostible que conte co apoio do sector como elemento clave para a protección dos ecosistemas fluviais

Ángeles Vázquez pon en valor o traballo das entidades colaboradoras de pesca coa organización de accións formativas e divulgativas relacionadas con esta práctica deportiva que contribúen tamén á remuda xeracional do colectivo en Galicia

Salienta a importancia de completar este labor desde a administración con accións de repoboación piscícola como a realizada esta mañá no río Pambre, en Palas de Rei

O ano pasado a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático liberou en toda Galicia máis de 387.000 alevíns de troita común, o 85% deles na provincia de Lugo

Outeiro de Rei (Lugo), 27 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia avogou hoxe por un modelo de pesca sostible que se apoie no propio colectivo de pescadores e conxugue o exercicio desta actividade con accións efectivas por parte das administracións como elemento clave para garantir a protección dos ecosistemas fluviais da Comunidade.

Durante a entrega de diplomas a 15 rapazas e rapaces de entre 6 e 13 anos que participaron este ano nas actividades organizadas polo club de pesca Os Troiteiros de Outeiro de Rei, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu a aposta realizada nos últimos anos desde o seu departamento pola modalidade deportiva de pesca sen morte co obxectivo de contribuír a preservar a riqueza dos ríos galegos.

Na mesma liña, considerou fundamental o papel de organizacións como Os Troiteiros, polo que aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo das 66 entidades colaboradoras de pesca fluvial que hai en Galicia. De feito, a conselleira lembrou que a Xunta colabora coa maior parte destas entidades a través da sinatura dos correspondentes convenios, o que contribúe a preservar máis de 685 quilómetros de tramos fluviais galegos.

Así mesmo, tamén destacou o labor que realizan ao longo do ano estas entidades no eido da formación e da divulgación, coa organización de actividades que inciden nos valores deportivos e ambientais asociados á pesca fluvial e na sensibilización sobre a necesidade de preservar a biodiversidade e o bo estado dos ríos.

Deste xeito, considerou que se fomenta tamén a remuda xeracional do sector, unha renovación que cualificou de imprescindible tendo en conta que a idade media dos pescadores na Comunidade está entre os 50 e os 70 anos e á que contribúe de igual modo a Xunta con medidas como a gratuidade das licenzas para os menores de idade.

En todo caso, Ángeles Vázquez salientou a importancia de completar o labor realizado neste eido polo sector cun traballo constante e efectivo por parte da administración na rede fluvial galega.

A modo de exemplo, referiuse ás accións de repoboación piscícola que realiza o seu departamento ao longo do ano nos ríos das catro provincias para garantir a renovación da fauna piscícola con exemplares autóctonos extraídos dos programas de reprodución e cría que se levan a cabo nos centros ictioxénicos.

Precisamente, despois de asistir á entrega de diplomas en Outeiro, a conselleira desprazouse ata o río Pambre, en Palas de Rei, para asistir á solta de máis de 3.000 alevíns de troita común criados na piscifactoría do Veral.

Ao respecto, cómpre lembrar que só o ano pasado a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático liberou en toda Galicia máis de 387.000 alevíns desta especie, dos cales o 85% deles se soltaron en ríos da provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2026