O xerente do Sergas visita o Hospital Público do Salnés para coñecer de primeira man a súa situación e planificar as futuras necesidades asistenciais
Luis León mantivo este venres unha xuntanza de traballo coa dirección do centro, na que estiveron presentes o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, a directora do distrito, Nuria Iglesias e a directora de Enfermería da área, Concepción Abellás
A visita enmárcase na rolda de contactos que está a realizar o xerente do Sergas aos hospitais comarcais, sendo a segunda que efectúa, tras achegarse este xoves ao Hospital Público de Monforte de Lemos
Vilagarcía de Arousa, 26 de xuño de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, visitou este venres o Hospital Público do Salnés para coñecer de primeira man a situación do centro e planificar as futuras necesidades asistenciais.
Durante a visita institucional efectuada hoxe ao centro hospitalario de Ande, o xerente do Servizo Galego de Saúde estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, pola directora do distrito sanitario, Nuria Iglesias e pola directora de Enfermería da área sanitaria, Concepción Abellás.
A visita forma parte da rolda de contactos que está a realizar o xerente do Servizo Galego de Saúde aos hospitais comarcais, sendo a segunda que efectúa, tras achegarse este xoves ao Hospital Público Comarcal de Monforte de Lemos.
Melloras organizativas e percorrido técnico
Os responsables sanitarios, xunto con xefes de servizo do Hospital do Salnés, mantiveron unha xuntanza de traballo na que se abordaron diversas realidades e horizontes do hospital comarcal, tanto no eido organizativo coma no estrutural e tecnolóxico.
Tras o encontro, Luis León, xunto cos responsables da xestión sanitaria do distrito, visitaron diferentes áreas do centro hospitalario arousán de cara avaliar a calidade da actividade asistencial que se presta á poboación de toda a bisbarra.
A visita realizada hoxe ao Hospital Público do Salnés enmárcase no firme compromiso da Xunta pola potenciación dos hospitais comarcais, consolidando as melloras continuas orientadas a incrementar a súa capacidade asistencial e optimizar a xestión global dos recursos públicos.