A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, interveu no acto do Día do Médico que organizou o Colexio Oficial de Médicos de Lugo
A Xunta salienta que a reforma da atención primaria posibilitará darlle a este nivel asistencial o lugar prioritario que merece
A representante do Executivo galego sinala que a reforma, que será presentada nas vindeiras semanas, reducirá a burocracia para devolverlle aos médicos máis tempo para realizar o seu labor asistencial
Incide en que Galicia conta, na actualidade, coa maior cifra de profesionais da súa historia no sistema público de saúde
Subliña o enorme erro do Ministerio de Sanidade na reforma que está a impulsar do Estatuto Marco, levada a cabo de costas ás comunidades e coa oposición frontal dos médicos
Lugo, 26 de xuño de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, salientou hoxe que, co obxectivo de adecuar a sanidade pública ás necesidades actuais de profesionais e pacientes, a Xunta está a ultimar unha reforma integral da atención primaria para darlle a este nivel asistencial o lugar prioritario que merece.
A representante do Goberno galego interveu no acto do Día do Médico que organizou o Colexio Oficial de Médicos de Lugo, onde dixo que esta reforma, que será presentada nas vindeiras semanas, reducirá a burocracia para devolverlle aos médicos máis tempo para realizar o seu labor asistencial.
Sofía López referiu que Galicia conta, na actualidade, coa maior cifra de profesionais da súa historia no sistema público de saúde. A isto engadiu a recente presentación, por parte da Xunta, da nova oferta de Formación Sanitaria Especializada para o exercicio 2026-2027, unha convocatoria na que volve bater o seu récord formativo con 725 prazas.
Reforma do Estatuto Marco
Os médicos -dixo a directora xeral- son pezas esenciais para a equidade, o benestar, a cohesión e o progreso social de Galicia. Ao respecto, incidiu no enorme erro do Ministerio de Sanidade na reforma que está a impulsar do Estatuto Marco, levada a cabo de costas ás comunidades autónomas e coa oposición frontal dos facultativos.
Lembrou que os preto de 280.000 actos médicos suspendidos en Galicia polas folgas contra esa reforma teñen detrás milleiros de pacientes necesitados de asistencia, polo que lle pediu ao Goberno central un esforzo de diálogo e negociación real, ata o de agora inexistentes, para acabar cos paros médicos.
Na súa intervención, Sofía López tivo un especial recoñecemento para os 140 profesionais distinguidos no acto. Tamén trasladou os seus parabéns aos colexiados honoríficos pola súa enorme contribución ao progreso da Medicina en Lugo e aos novos colexiados, dos que agarda que inicien unha longa e fecunda carreira nesta provincia.