Villaverde recibe aos membros da Unidade Mixta de Investigación ACUIREGAL

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse hoxe con membros da Unidade Mixta de Investigación ACUIREGAL para coñecer en detalle os obxectivos, plan de traballo e resultados que agardan deste proxecto, ademais de explorar posibles vías de cooperación con outros programas propios da Consellería do Mar en relación coa acuicultura sostible e innovadora.

ACUIREGAL é a primeira Unidade Mixta de Investigación público-privada entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o tecido empresarial para este fin. O Consorcio está formado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) xunto coas empresas Octolarvae S.L.U. (filial de I+D+i do Grupo Profand) e a consultora ICSEM.

Esta iniciativa, á que a Axencia Galega de Innovación (GAIN), da Xunta de Galicia, lle destina o 40 % do seu orzamento total, a través dos fondos europeos do programa Galicia Feder (2021-2027), ten un enfoque innovador que, xunto con outros proxectos de vangarda da chamada acuicultura rexenerativa, pon o acento na recuperación, repoboación e saneamento activo dos ecosistemas das rias galegas.

Tamén hai que destacar outros plans innovadores de xestión dos recursos mariños e da acuicultura sostible que se levan a cabo dende a Consellería do Mar, coma as Axudas a Proxectos Colectivos e Rexeneración de Bancos, o proxecto REDEMAR, ou o próximo Plan de Acción para a Xestión do Marisqueo de Galicia (2026-2031), que actualmente está en elaboración, que se insiren no compromiso galego pola sostibilidade dos recursos mariños e a conservación da biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/06/2026