A Xunta licita por 6 M€ a compra de produtos intravasculares implantables para as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, coa que se agarda un aforro estimado de 202.000 euros por ano de vixencia do contrato
A vixencia inicial é por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga outros dous máis
Esta licitación permite garantir a subministración de material funxible necesario para as intervencións cirúrxicas realizadas nas salas de radioloxía e nos quirófanos de cirurxía vascular
As empresas interesadas en participar neste procedemento dispoñen de prazo ata o 31 de xullo para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por un importe de 6.029.408 euros, a licitación da compra de produtos intravasculares implantables con destino ás sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O expediente inclúe 28 lotes e sublotes de material funxible, incluíndo embolizantes, oclusores vasculares, microesferas non reabsorbibles e esperiais de embolización, necesarios para as intervencións cirúrxicas que se realizan nas salas de radioloxía intervencionista e nos quirófanos de cirurxía vascular.
O contrato terá unha vixencia de dous anos, coa posibilidade de ser prorrogado outros dous anos. Neste caso, o seu valor estimado ascendería ata os 12.058.816 euros.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 31 de xullo ás 14.00 horas para enviar as súas ofertas.
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, coa que o Servizo Galego de Saúde pretende acadar un aforro estimado de 202.000 euros por cada ano de vixencia do contrato.