A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, fixo balance hoxe no Parlamento da actividade desenvolvida por este organismo da Xunta desde a súa posta en marcha no 2022 e ata o 2025
A Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo consolídase como ferramenta clave de apoio técnico e seguridade xurídica na aplicación da normativa con 248 informes emitidos
A directora xeral de Urbanismo informou no Parlamento do balance deste órgano, que celebrou 30 sesións e deu resposta principalmente ás consultas formuladas polos concellos galegos
As entidades locais concentraron 211 dos 233 informes emitidos pola Comisión Permanente, o que confirma o seu papel como ferramenta de apoio técnico e xurídico aos municipios
Os asuntos analizados abranguen cuestións clave como o solo rústico, as edificacións tradicionais, os usos urbanísticos e a interpretación da Lei do solo
A Xunta continúa impulsando medidas para avanzar nunha administración urbanística máis moderna e eficiente, entre as que se inclúen a Plataforma Urbanística Dixital de Galicia, a tramitación electrónica integral ou novas ferramentas para os concellos
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2025
A directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, destacou hoxe no Parlamento o valor da Xunta Consultiva de Ordenación do Territorio e Urbanismo, consolidada como ferramenta clave de apoio técnico e seguridade xurídica na aplicación da normativa, con 248 informes emitidos desde a súa posta en marcha.
Durante a súa intervención, destacou o papel desenvolvido por este órgano desde a súa creación como ferramenta de apoio aos concellos e aos diferentes operadores implicados no ámbito urbanístico, contribuíndo a mellorar a seguridade xurídica, a transparencia e a eficacia na tramitación dos procedementos.
Segundo trasladou, do total de 248 informes emitidos pola Xunta Consultiva entre 2022 e 2025, 15 corresponden ao Pleno e 233 á Comisión Permanente. Este último órgano, de carácter eminentemente técnico e integrado por representantes da Dirección Xeral de Urbanismo, da Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e da FEGAMP, celebrou 30 sesións durante este período.
A directora xeral sinalou que a actividade da Comisión Permanente mantivo unha evolución constante desde a súa posta en marcha, con 27 informes en 2022, 78 en 2023, 71 en 2024 e 57 en 2025.
No que respecta á orixe das consultas, Encarnación Rivas explicou que os concellos foron os principais usuarios deste servizo, cun total de 211 informes solicitados entre 2022 e 2025, o que evidencia o papel da Xunta Consultiva como apoio ás entidades locais na aplicación da normativa urbanística. Tamén se recibiron solicitudes procedentes de colexios profesionais, organizacións empresariais e doutros centros directivos da propia Xunta de Galicia.
Por provincias, os concellos da Coruña foron os que formularon un maior número de consultas, con 75 informes, seguidos de Pontevedra, con 69, Ourense, con 42, e Lugo, con 28.
A actividade consultiva abordou principalmente cuestións relacionadas co réxime xurídico do solo rústico, os usos admisibles, as condicións de edificación, as instalacións vinculadas ás actividades agropecuarias e forestais, así como a regulación das edificacións existentes, tradicionais e aquelas incursas no réxime de fóra de ordenación.
Entre os asuntos analizados tamén figuran interpretacións da Lei do solo e instrucións sobre materias como vivendas colectivas en solo rústico, instalacións de enerxía solar para autoconsumo, tendidos de telecomunicacións nos núcleos rurais tradicionais ou requisitos urbanísticos para novos usos, que recolleron os criterios establecidos en colaboración con outros entes como o Colexio Oficial de Rexistradores ou a AMTEGA.
Ademais, a directora xeral informou da colaboración da Xunta Consultiva coa Asesoría Xurídica Xeral nos procedementos contencioso-administrativos vinculados á ordenación do territorio e ao urbanismo. Neste ámbito, entre 2022 e 2025 analizáronse principalmente cuestións relacionadas con instrumentos de planeamento xeral, modificacións puntuais, planeamento de desenvolvemento e autorizacións administrativas relativas aos parques eólicos.
Por último, Encarnación Rivas trasladou que a Xunta continúa impulsando medidas para avanzar nunha administración urbanística máis moderna e eficiente, entre as que se inclúen a Plataforma Urbanística Dixital de Galicia, a tramitación electrónica integral, novas ferramentas para os concellos, a mellora do acceso público á información urbanística e a actualización do marco normativo mediante o novo Regulamento da Lei do solo e un manual comentado da normativa.