O concello de Sanxenxo estrea hoxe as tres liñas circulares no marco do convenio coa Xunta para manter este verán o reforzo do servizo de autobús municipal
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, realiza un dos percorridos dunha das tres liñas municipais postas en marcha para impulsar a mobilidade no municipio e que contan con 32 servizos ao día de luns a domingo nos meses de xullo e agosto
O acordo vén de ampliarse con outra liña máis que será de horario nocturno para conectar co polígono de Nantes, onde se celebran os concertos Costa Feira, con Sanxenxo e Portonovo e con 18 servizos diarios
A Xunta aplica nestes servizos os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico como a Tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos e a tarifa +65 para maiores de 65 anos
Sanxenxo (Pontevedra), 1 de xullo de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, realizou hoxe un dos percorridos dunha das tres liñas circulares municipais que desde hoxe funcionan no municipio de Sanxenxo, no marco do convenio asinado entre a Xunta, o Concello e a UTE do transporte XG-626.
Segundo destacou a directora xeral, entre os principais obxectivos deste SIMU destacan a redución do uso de vehículos particulares, o fomento da mobilidade sustentable no municipio e a atención ás necesidades de mobilidade xeradas pola promoción turística do concello. Por iso, como resultado deste acordo, nos meses de xullo e agosto, estarán en funcionamento tres liñas circulares que conectarán os principais puntos de interese do municipio, incluíndo os núcleos urbanos e as contornas das praias e dos espazos naturais.
A novidade máis significativa desta renovación é a activación dunha nova liña circular que comunicará o Centro Cultural de Dorrón con Sanxenxo, Portonovo e A Lanzada. Esta liña ofrecerá un total de oito servizos diarios, con frecuencia de luns a domingo, e un horario que abarca desde as 07,55 horas ata as 23,55 horas.
Pola súa parte, a liña circular que unirá Sanxenxo con Vilalonga e A Lanzada contará con 16 servizos diarios comprendidos entre as 08,30 horas e as 00,30 horas. Adicionalmente, a liña que conectará Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada ofrecerá oito servizos ao día entre as 09,00 e as 23,00 horas. En total, prestaranse un total de 32 servizos ao día de luns a domingo.
A estas tres liñas engadiuse outra nova liña de autobús entre o polígono de Nantes, onde se celebran os concertos Costa Feira, e Portonovo, con paso por Sanxenxo, coa finalidade de reducir nestas xornadas os desprazamentos en vehículo privado que xeran estes eventos ofrecendo unha alternativa de transporte público. Así ofreceranse 18 servizos diarios, nove en cada sentido: desde o polígono de Nantes desde ás 21,00 ata as 06,00 horas e en sentido inverso, desde Portonovo desde as 21,30 ás 06,30 horas.
Nestes servizos, a Xunta aplica os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos viaxan de balde grazas á tarifa +65. No concello de Sanxenxo actualmente hai rexistradas máis de 1.400 tarxetas Xente Nova e máis de 400 con tarifa +65.
Cómpre lembrar que este convenio do SIMU entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo púxose en marcha en 2024 e foi renovado por terceiro ano consecutivo neste exercicio con vixencia ata xuño de 2027 e con posibilidade de prorrogarse no futuro. Canto ao balance do ano pasado, as dúas liñas circulares que funcionaron no verán deron servizo a máis de 33.770 persoas.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.