O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e a conselleira do Mar participaron en Santiago no acto conmemorativo do segundo aniversario de Casa RIA

A Xunta pon en valor a colaboración público-privada con entidades como a Fundación RIA como vía para impulsar proxectos aliñados cos retos do territorio

José González salienta a contribución de Casa RIA como espazo de referencia para a reflexión e o diálogo para conectar os desafíos globais desde unha perspectiva local adaptada á realidade galega, favorecendo sinerxías e intercambio de coñecemento

Subliña a afinidade entre a visión que promove a Fundación RIA e liñas de acción autonómicas como a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, orientada a activar o talento e os recursos locais como motores de impulso económico

Destaca a actual colaboración coa entidade no programa Muimenta Viva, iniciativa impulsada pola Xunta e o Concello de Carballeda de Avia para consolidar na aldea un modelo público innovador de emprendemento e dinamización do rural galego

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, considera importantes proxectos como 'A Cantina' de Casa RIA e tamén o papel das prazas de abastos como motores de sustentabilidade e impulso aos pequenos produtores do litoral galego

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, participaron esta tarde no acto de celebración do segundo aniversario de Casa RIA, situada na rúa Virxe da Cerca e sede da Fundación RIA, entidade sen ánimo de lucro impulsada polo arquitecto británico David Chipperfield.

Na súa intervención, José González salientou a contribución de Casa RIA como espazo de referencia para a reflexión e o diálogo para conectar os desafíos globais desde unha perspectiva local adaptada á realidade galega, consolidándose como un lugar aberto á organización de actividades, encontros e exposicións vinculadas ao labor da Fundación e favorecendo a creación de sinerxías e o intercambio de coñecemento.

O conselleiro puxo de relevo tamén o papel da Fundación RIA como aliado estratéxico para avanzar nun modelo de desenvolvemento sustentado na cooperación entre o sector público e o privado, unha fórmula que cualificou de esencial para promover iniciativas que contribúan á dinamización económica e social de Galicia.

Nesa liña, subliñou a afinidade entre a visión que promove a Fundación RIA e liñas de acción autonómicas como a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que a Xunta está a ultimar, unha folla de ruta que busca valorizar os recursos endóxenos, a identidade e as potencialidades de Galicia como motores de dinamización económica, impulso ao emprendemento e xeración de novas oportunidades, especialmente no ámbito rural.

Como exemplo desta colaboración, destacou a cooperación coa Fundación RIA no programa Muimenta Viva, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia que busca activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.

Así mesmo, destacou outras áreas de traballo conxuntas vinculadas co pulo ás prazas e mercados de abastos. Neste sentido, lembrou as xornadas Encontros de mercado celebradas o pasado ano e orientadas a reforzar o papel estratéxico destes enclaves como motores do comercio de proximidade e escaparates da calidade e frescura dos mellores produtos galegos.

Coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde, o encontro serviu tamén para visibilizar proxectos de gastronomía local coma 'A Cantina' de Casa RIA. Esta proposta de quilómetro cero pon en valor o papel das prazas de abastos como enclaves esenciais para subministrar á restauración peixes e produtos frescos, unha liña compartida pola Xunta para facer do produto autóctono un eixe de sustentabilidade que equilibre a economía do rural e do litoral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2026