Villaverde participa no Conxemar Fest en Vigo e destaca a alianza entre música e gastronomía para aproximar o mar ás novas xeracións
A conselleira do Mar participou na inauguración e entrega de premios da III edición do certame musical na Porta do Sol de Vigo
O certame, cofinanciado pola Consellería do Mar, reuniu 168 propostas emerxentes de toda Galicia e combinou concertos ao vivo con degustacións en foodtrucks
Vigo, 2 de outubro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou esta tarde na Porta do Sol na inauguración e entrega de premios da terceira edición do Conxemar Fest: Fish & Hits. A responsable autonómica subliñou que esta iniciativa representa unha “alianza perfecta entre música e gastronomía” capaz de espertar o interese da mocidade polos produtos pesqueiros nun ambiente festivo e urbano. Unha cita que se consolida como a antesala lúdica e cidadá da Feira Internacional Conxemar, que se celebra a vindeiros semana, combinando actuacións ao vivo de bandas emerxentes galegas con degustacións gastronómicas de produtos do mar conxelados.
Durante a súa intervención, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo presidente de Conxemar, Eloy García, a titular de Mar puxo en valor o éxito de convocatoria do concurso, que nesta edición recibiu 168 propostas de grupos e solistas procedentes das catro provincias galegas. “O mar non está só na nosa tradición; é o noso presente e ten que seguir sendo o noso futuro”, remarcou Villaverde.
A conselleira do Mar incidiu en que resulta esencial que as novas xeracións perciban o sector marítimo como unha actividade punteira, moderna e chea de oportunidades profesionais. “Queremos que a mocidade sexa a principal embaixadora do mar de Galicia e que leve con orgullo a calidade dos nosos produtos por bandeira”, concluíu.
O Conxemar Fest forma parte das accións de promoción e fomento do consumo incluídas no convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar e a Asociación Conxemar para este ano 2026. A final deste venres contou coas actuacións en directo dos cinco proxectos finalistas —Cora, El Último Ciclista, Grandío, Noite Atari e Os Carismáticos—, que optaron a unha bolsa total de 10.000 euros en premios. Paralelamente, o público puido degustar tapas elaboradas con produtos do mar conxelados en tres foodtrucks habilitados na praza, cuxa recadación se destina a fins sociais a través da Fundación Fish Nation.