Martina Aneiros reivindica en Pantín o potencial do surf para xerar valor en Galicia
Valdoviño (A Coruña), 2 de xullo de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na inauguración do Campionato de España de Surfing 2026 na praia de Pantín, na que as competicións empezaron o pasado 29 de xuño e seguirán ata o 5 de xullo.
Na súa intervención, Aneiros destacou que “falar de surf é tamén falar de mar, de identidade e de todo o potencial que ten Galicia para acoller propostas que combinan deporte, proxección e respecto pola contorna”, facendo fincapé en que “a nosa terra ten unha relación moi especial co mar, e iso tamén se nota na forma en que entendemos o deporte e a súa capacidade para xerar valor”. Aproveitou tamén para agradecer o traballo de todos os que fixeron posible a celebración desta competición, unha das máis relevantes do calendario do surf nacional na que unha ampla representación dos mellores deportistas do país competirán en diferentes modalidades deste deporte.
Ademais, a cita conta con diferentes espazos que acompañan á competición e completan a programación, como o Filispín Pop-Up Market, a Tenda Oficial CESURFING, os espazos de EQ Love & Ocean & Earth, SBoardTraining, a Asociación Chamorro, a carpa de Artesáns de Valdoviño e a actividade Océano Surf Museo, entre outros.