O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, o xerente do Servizo Galego de Saúde e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria, visitou a unidade centralizada situada no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Gómez Caamaño subliña a utilidade da unidade técnica de apoio á atención primaria, que en 2 meses realizou xa 38.000 consultas para aliviar a burocracia de 106 centros de saúde

Enmarca a posta en marcha desta unidade na reforma integral da atención primaria que está a impulsar a Xunta de Galicia

Confirma os beneficios do traballo realizado polos 20 técnicos de saúde que iniciaron en maio o labor de apoio a médicos de familia renovando medicación crónica, elaborando informes de saúde ou emitindo xa 800 informes de dependencia

Avanza que a unidade acadará os 50 profesionais antes de que remate o ano, asumindo progresivamente máis tarefas no apoio administrativo á atención primaria

Salienta que a unidade permite que nos centros de saúde os médicos teñan máis tempo para dedicar a aspectos clínicos dos pacientes ao tempo que as persoas se benefician da resolución de trámites

O Goberno galego centra as súas accións na atención primaria na modernización da estrutura organizativa, na reorganización da asistencia a na garantía da sustentibilidade do sistema sanitario público

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou a utilidade da unidade técnica de apoio á atención primaria que se puxo en marcha en maio e que xa realizou 38.000 consultas derivadas de 106 centros de saúde para aliviar a súa carga burocrática.

Gómez Caamaño visitou hoxe a unidade, situada no Hospital Psiquiátrico de Conxo, desde a que se dá cobertura a centros de saúde das sete áreas sanitarias. O labor do persoal da unidade foi presentado pola súa coordinadora, María José Gil, especialista en medicina familiar e comunitaria. Tamén estiveron presentes na visita a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos.

O conselleiro de Sanidade referiuse á unidade como unha ferramenta útil e eficaz que responde a unha necesidade tanto de profesionais como de pacientes.

A Xunta aborda así unha das principais áreas de mellora detectadas na atención primaria, que entre o 30 e o 40 % do tempo das consultas dos facultativos ten que ver cun gran volume de traballo burocrático e non clínico.

Polo tanto, a primeira das transformacións que a Consellería de Sanidade está a impulsar na organización da atención primaria é a redución dese traballo dos médicos dos centros de saúde e que está a realizar agora un equipo que en maio se puxo en marcha con 20 técnicos de saúde.

O obxectivo é que a unidade acade os 50 profesionais este mesmo ano e chegue a completar tarefas deseñadas para que sexan asumidas desde esta unidade centralizada.

En particular, a renovación de medicación de pacientes crónicos, a prescrición dos medicamentos non demorables, a elaboración de informes de saúde e outros trámites administrativos relacionados coa renovación de material de ortopedia ou de transporte sanitario non urxente.

Pasos cara á reforma integral de primaria

Dotar de ferramentas á sanidade pública para que nos centros de saúde se dispoña de máis tempo para a atención aos pacientes é unha das medidas que se enmarca na reforma integral da atención primaria que está a impulsar o Goberno galego.

A reforma susténtase en tres grandes piares: a modernización da estrutura organizativa, a reorganización da asistencia e a garantía da sustentabilidade do sistema.

Nesa liña, o Servizo Galego de Saúde xa deu o paso de crear a Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria, tamén se reforzarán as direccións de Atención Primaria nas sete áreas sanitarias e potenciaranse as áreas administrativas dos centros de saúde.

Ademais a Consellería de Sanidade creou dous grupos para abordar a reforma integral da atención primaria. O pasado 10 de xuño presentou en Mesa Sectorial de Sanidade as conclusións do primeiro grupo de traballo, centrado nas axendas asistenciais. Entre as principais propostas inclúese a implantación de axendas de calidade con tempos mínimos de consulta (10 minutos) e cupos máximos (30 en medicina de familia e 25 en pediatría), a diminución das tarefas administrativas que recaen sobre o persoal médico e o reforzo do papel dos xefes de servizo.

 O segundo grupo de traballo, cuxo documento se está a ultimar e se presentará en breve, refírese á organización dos recursos humanos neste nivel asistencial.

A Xunta traballa así en distintas liñas de traballo que teñen por obxectivo acadar unha atención primaria máis resolutiva, máis eficiente e máis atractiva para os profesionais, capaz de responder aos novos retos demográficos e asistenciais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2026