Ortiz destaca o concerto de Leiva como “un fito máis” na aposta da Xunta de Galicia pola cultura en Vigo tras o éxito do Galicia Fest

A delegada territorial e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, visitaron este xoves a montaxe para a actuación do artista no peirao de Transatlánticos

As entradas para os dous concertos de Leiva, os días 3 e 4 de xullo no porto vigués, están esgotadas desde hai meses

O Goberno galego apoia numerosos eventos culturais na cidade, como Vigo Porté, Son e Mar, WakeUP, Underfest, Megaestrelas, MusicaV e a Xornada Mar de Galicia

Vigo, 2 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitaron este xoves a montaxe dos concertos do recoñecido cantante madrileño Leiva que se celebrarán este venres e sábado, 3 e 4 de xullo, no peirao de Transatlánticos da cidade da man dos Concertos do Xacobeo, a iniciativa impulsada polo Goberno galego que continúa consolidando a comunidade como un dos grandes destinos da música en directo.

“Estamos ante unha actuación que marcará un fito máis na cidade, posto que Vigo será a única cidade xunto a Madrid que acollerá varias actuacións do artista e a cita cobra máis importancia tras o éxito do Galicia Fest a pasada semana e as citas que aínda resta por celebra na nosa cidade”, sinalou a representante autonómica.

Durante o percorrido, no que tamén estivo o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e o director do promotora Quireza Events, Antonio Casal, a representante autonómica destacou que o concerto de Leiva é unha mostra máis dunha prioridade absoluta para a Xunta. “Ofrecemos un apoio firme e institucional á promoción cultural en Vigo porque cremos firmemente que a nosa cidade debe ocupar o lugar cultural que merece no panorama nacional e internacional", sinalou.

Ademais do Galicia Fest, o Goberno galego apoia eventos da envergadura como o consolidado festival de danza urbana Vigo Porté, a música de Son e Mar, a potencia da electrónica internacional no WakeUp, o inconfundible selo independente e ecléctico do Underfest, o jazz de MusicaV, a Xornada Cultural Mar de Galicia ou o inestimable altofalante para o talento mozo local que supón o certame Megaestrelas.

Segundo explicaron os responsables organizativos, as portas abriranse ás 21:00 horas e o concerto de Leiva comezará ás 23:00 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2026