A Consellería do Mar continúa os contactos co sector nunha reunión con Proameixa
Santiago de Compostela, 3 de xullo do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse este venres con representantes de Proameixa co obxectivo de coñecer de primeira man a realidade do colectivo e abordar as necesidades produtivas do sector marisqueiro.
Deste xeito, abordaron a situación actual dos bancos marisqueiros, marcada polos efectos dos episodios extraordinarios rexistrados a comezos de ano; así como a dispoñibilidade de semente de moluscos bivalvos e a importancia de seguir apostando pola colaboración entre a Administración e as empresas especializadas na súa produción para favorecer a rexeneración das zonas de cultivo.
A Consellería do Mar deu continuidade así á estratexia de interlocución directa cos distintos axentes vinculados a esta actividade, en aras de seguir identificando retos e oportunidades que permitan o seu impulso sustentable desde o punto de vista ambiental, económico e social.