A directora da Axencia Galega de Investigación, Carmen Cotelo, visita o laboratorio de cuántica da Universidade da Coruña
O novo laboratorio de investigación cuántica do CITIC reforza as capacidades de Galicia nesta materia
Esta infraestrutura, que permitirá experimentar e desenvolver novas aplicacións, súmase aos laboratorios da Universidade de Vigo, especializado en computación cuántica óptica, e da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear
O CITIC foi pioneiro en computación cuántica en Galicia xunto ao Cesga participando en proxectos europeos como o NEASQC ou, máis recentemente, o QEX Centro Europeo de Excelencia Cuántica
A Coruña, 3 de xullo de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou este mediodía o novo laboratorio de investigación en cuántica que o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) vén de poñer en marcha. Cotelo destacou que esta nova dotación reforza as capacidades de Galicia en tecnoloxías cuánticas e completa a oferta de infraestruturas científico-tecnolóxicas do ecosistema de I+G+i. A posta en marcha deste novo laboratorio, en palabras da directora, sitúa a Galicia nunha posición aínda máis competitiva neste ámbito e permite abordar de maneira integral a investigación, a experimentación, o desenvolvemento de aplicacións e a súa transferencia ao tecido produtivo.
Na visita, na que participou o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, e o director do CITIC, Manuel González, a directora da Axencia Galega de Innovación puido coñecer o novo laboratorio, que conta co apoio Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Axencia Estatal de Investigación e co financiamento de fondos europeos. Para Carmen Cotelo, esta infraestrutura permitirá consolidar un ecosistema cuántico no que as sinerxías e complementariedades entre os distintos axentes multiplican o seu valor científico, tecnolóxico e innovador.
A directora da Axencia destacou o carácter pioneiro do centro no eido da computación cuántica, coa súa participación no primeiro proxecto europeo sobre cuántica que se desenvolveu en Galicia, NEASQC (Next Applications of Quantum Computing), ou no máis recente QEX, Centro Europeo de Excelencia Cuántica. Ademais, forma parte desde o inicio da Rede galega de tecnoloxías cuánticas, a estrutura de gobernanza do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia integrada por Administración, centros tecnolóxicos e de investigación, universidades e sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia neste eido.
Cotelo sinalou que esta infraestrutura súmase ás capacidades do Cesga e das universidades de Santiago de Compostela e Vigo nesta materia. En concreto, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) contará cun laboratorio mixto USC-Cesga especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear, e AtlanTTic está a crear un laboratorio compartido UVigo-Cesga especializado en computación cuántica óptica.
Por último, a directora da Axencia Galega de Innovación reuníuse con varios investigadores do centro. Entre eles atopábanse Eduardo Mosqueira Rey, subdirector do CITIC e coordinador na UDC do Máster en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica, e Diego Andrade Canosa, membro do grupo de investigación de arquitectura de computadores e representante da Universidade da Coruña na Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas. Carmen Cotelo apuntou a necesidade de formar, consolidar e captar talento nesta área para aproveitar toda a potencialidade destas tecnoloxías na nosa comunidade.
Esta nova infraestrutura e talento contribúen ao posicionamento de Galicia como territorio de referencia para estas tecnoloxías, que serán cruciais no futuro para dar resposta a retos complexos en eidos como a saúde, a competitividade industrial e a seguridade das comunicacións. Neste senso, Galicia está a apostar por estas tecnoloxías no marco do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia e do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, no que figuran como iniciativa de alto impacto.