A Xunta pon en valor o papel da artesanía como motor de desenvolvemento económico e cultural no marco da cita ‘Corazón da Artesanía’ en Agolada

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias visitou esta tarde a segunda xornada do evento impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia

Agolada (Pontevedra), 4 de xullo de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou esta tarde a segunda xornada do evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se está a desenvolver nos Pendellos de Agolada.

Durante a visita –na que tamén estiveron presentes a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro– puxo en valor esta iniciativa como un referente na promoción, conservación e difusión dos oficios artesanais tradicionais, ao tempo que destacaron a súa contribución á dinamización económica e cultural do territorio, favorecendo a visibilidade do talento artesán galego e o impulso á comercialización dos seus produtos.

A cita, impulsada pola Fundación Artesanía de Galicia, conta coa participación de 50 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia —entre expositores e docentes dos diferentes cursos— así como 32 postos de alimentación gourmet. O evento complétase coas demostracións gastronómicas do proxecto Artesanía no Prato, con cursos de formación, coa demostración de oficios en vivo e con obradoiros de iniciación abertos a todos os públicos.

Entre as actividades previstas para esta tarde destacan os pasarrúas do grupo de música tradicional Bico da Balouta, un showcooking a cargo do chef Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago de Compostela), ás 20,00 h., e, como peche da xornada, o concerto do grupo Mediarea, que terá lugar ás 22,30 h. na Praza do Concello.

O encontro concluirá mañá coa súa última xornada, que se desenvolverá en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,30 h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2026