O director de Turismo de Galicia explicou o procedemento administrativo seguido na aprobación das actuacións a realizar nesta ruta xacobea

A Xunta salienta a importancia das obras para a seguridade no Camiño Fisterra e Muxía e o respecto á súa protección patrimonial

Xosé Merelles lembra que calquera alternativa debe respectar na medida do posible os valores culturais, históricos e territoriais das rutas protexidas

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu hoxe no Parlamento, onde incidiu no aporte diferencial que supoñen as obras de mellora da seguridade viaria no Camiño Fisterra e Muxía, esenciais para separar os itinerarios do tráfico rodado e garantir, así, a protección de peregrinos e peregrinas.

Referíndose á tramitación ordinaria do expediente relativo ás obras no Camiño Fisterra Muxía, Xosé Merelles repasou a secuencia administrativa seguida no procedemento, que abrangue desde febreiro de 2026. Nese mes o proxecto foi aprobado provisionalmente, tras do que se iniciaron os trámites de información ás administracións afectadas, para posteriormente, iniciarse o trámite de información pública.

Como lembrou Xosé Merelles, o anuncio abría expresamente dúas posibilidades: a formulación de alegacións respecto da concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas; e -no relativo ás expropiacións-, a posibilidade para as persoas interesadas de opoñerse á necesidade da ocupación ou indicar por que consideraba preferible ocupar outros bens ou adquirir outros dereitos distintos dos previstos no proxecto.

Nese período de exposición pública presentáronse alegacións, entre elas a que demandaba un trazado alternativo que evitaría as expropiacións. Xosé Merelles incidiu en que incorporar unha alternativa que reduza ou elimine as expropiacións “non significa que esa alternativa sexa automaticamente técnica, funcional ou patrimonialmente viable. Son cuestións distintas que deben ser comprobadas polos servizos técnicos competentes”.

Así, Xosé Merelles puxo o foco no carácter patrimonial do Camiño de Santiago, alegando que “non é unha infraestrutura convencional na que o trazado poida desprazarse exclusivamente atendendo a criterios de menor custo ou menor afección expropiatoria”, senón que se trata dun “itinerario protexido pola lexislación de patrimonio cultural de Galicia, polo que calquera solución alternativa ten que respectar necesariamente os valores culturais, históricos e territoriais que determinaron a protección do Camiño”.

Tras desta fase, o informe de resposta ás alegacións formulou proposta de aprobación do expediente de información pública. A aprobación definitiva do proxecto oficializouse no Consello da Xunta do 1 de setembro, coa correspondente declaración de utilidade pública da actuación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026