O delegado da Xunta felicita ao Muvicla por difundir a importancia do agro para o futuro de Galicia

Láncara (Lugo), 3 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou hoxe en Láncara o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), onde gabou o papel que está a desempeñar este espazo “para estender a difusión e o coñecemento da historia do agro galego e da súa importancia para o noso futuro”.

Villares felicitou a Marcos Vázquez, titular da explotación agraria onde se atopa integrada a colección do Muvicla, pola proxección que acadou este centro dende a súa inauguración no ano 2019 e polos plans de ampliación que están a impulsar para aumentar a súa capacidade. 

Nese sentido, subliñou que albergar unhas instalacións destas características na parroquia lancaresa de Trasliste “contribúe a poñer o foco no rural como motor de dinamización e de impulso do territorio”.  

Por último, Villares tamén apuntou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoiou ao Muvicla a través da orde de axudas deste ano dirixidas as centros museísticos  galegos, co fin de colaborar na actualización e divulgación dos seus fondos, así como na realización de tarefas de conservación e investigación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026