A Xunta concede axudas a máis de 1.420 clubs deportivos para o desenvolvemento da súa actividade
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se resolven as solicitudes para a concesión das subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento especializado de Galicia
O Goberno galego destina a estas achegas un orzamento de 2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se resolven as solicitudes para a concesión das subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento especializado de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas. Máis de 1.420 entidades serán as destinatarias dos 2 millóns de euros investidos nesta ocasión, acadando o récord de entidades beneficiarias destas axudas.
Máis polo miúdo, a liña I, destinada a clubs, seccións deportivas e sociedades anónimas deportivas conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros (1.790.000 euros) para 1.422 entidades beneficiarias; mentres que a liña II, destinada aos Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADEs) e cun orzamento de 210.000 euros conta con once beneficiarios, todos os NADE existentes.
En canto á distribución por provincias, Pontevedra rexistra a cifra máis numerosa de entidades subvencionadas (562 máis 2 NADE), seguida da Coruña (532 máis 5 NADE), Lugo (184 máis 3 NADE) e Ourense (144 máis 1 NADE).
As axudas concedidas acadan un importe máximo de 10.000 euros para os clubs, mentres que os NADE perciben ata 25.000 euros. Entre os gastos subvencionables inclúense licenzas, seguros deportivos, inscricións en competicións, arbitraxes, adestradores/as, desprazamentos, manutención e aloxamento, material deportivo non inventariable, produtos de farmacia, aluguer de instalacións, persoal e servizos de profesionais de apoio ao rendemento. Para os NADEs, ademais de todo o anterior, cóbrense tamén gastos correntes.
Así mesmo, e tamén como xa se esixiu na convocatoria do ano pasado no marco do compromiso de loita contra a violencia, requírese a todas as entidades solicitantes que teñan aprobado o ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’, así como que teñan designada á persoa delegada de protección e correctamente inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.