A Xunta licita por máis de 120.000 € a subministración de dúas incubadoras de transporte extrahospitalario con destino ao Hospital Público de Valdeorras e ao Hospital Novo Montecelo de Pontevedra

Este material permite trasladar a recentemente nados prematuros ou con patoloxías complexas aos hospitais de referencia

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 22 de xullo para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

O Portal de Contratos Públicos da Xunta publica hoxe a licitación, por importe de 120.032 euros, para a subministración  de dúas incubadoras de transporte neonatal. 

Unha delas terá como destino o Hospital Público Comarcal de Valdeorras, pertencente á area sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e substituirá o equipo existente actualmente no centro; e outra irá ao Hospital Novo Montecelo, pertencente á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. 

A incubadora de transporte neonatal extrahospitalario é un equipo de soporte vital para trasladar a recentemente nados prematuros ou con patoloxías complexas aos hospitais de referencia. 

Ten a capacidade de proporcionar un entorno seguro e estable para o paciente neonato, illamento térmico e acústico, control da temperatura e humidade e cunha fonte de osíxeno suficiente para cubrir a distancia máxima deseñada. Ademais, debe estar homologado especificamente para o transporte terrestre e aéreo.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 22 de xullo para presentar as súas ofertas. 

Data de actualización: 07/07/2026