A Xunta licita por máis de 8,4 M€ a subministración de equipos de infusión con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde

O expediente inclúe a compra de equipos de infusión de solucións intravenosas e de sangue, sistemas de irrigación urolóxica, chaves con diferentes números de vías, reguladores de fluxo e alongadores venosos e arteriais

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 6 de agosto para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

A Xunta publicou hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 8.404.333,53 euros, da subministración de equipos de infusión con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde co fin de dotar o sistema sanitario público galego deste equipamento durante os próximos tres anos.

Esta constitúe a segunda compra centralizada dun tipo de material sanitario que resulta indispensable na actividade diaria das unidades de hospitalización, os servizos de urxencias, coidados intensivos (UCI), quirófanos e hospitais de día, ao permitir garantir a administración segura e eficaz dos medicamentos e fluídos que precisen os pacientes.

O expediente, distribuído en 13 lotes, inclúe a compra de equipos de infusión de solucións intravenosas e de sangue, sistemas de irrigación urolóxica, chaves con diferentes números de vías, reguladores de fluxo e alongadores venosos e arteriais.

Os novos sistemas subcutáneos permiten dar resposta ao incremento actual de tratamentos crónicos e de longa duración que se rexistran na actualidade.

Neste sentido, estes dispositivos minimizan os riscos asociados a posibles erros de dosificación ou infeccións, ao tempo que protexen o persoal sanitario contra posible lesións causadas por puncións accidentais.

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 6 de agosto para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 08/07/2026