O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento dos tribunais cualificadores nos procesos selectivos para o ingreso en 20 categorías de persoal estatutario fixo

A relación provisional de persoas admitidas e excluídas xa foi publicada o pasado 18 de xuño

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se nomean os tribunais cualificadores nos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario fixo.

Deste xeito, procédese a nomear os membros dos tribunais, titulares e suplentes, que xulgarán os procesos selectivos nas categorías de logopedista, condutor, farmacéutico de atención primaria, fontaneiro, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, médico de admisión e documentación clínica, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información.

Tamén se nomean os tribunais das categorías de traballador social, mecánico, grupo auxiliar da función administrativa, médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), odontólogo de atención primaria, fisioterapeuta, calefactor, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, celador, médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.

A relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como das exentas e non exentas da realización do exercicio de lingua galega, nas categorías estatutarias relacionadas no parágrafo anterior publicouse o 18 de xuño de 2026. 

O Servizo Galego de Saúde ten habilitado un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de recursos.

Proximamente, publicarase a relación definitiva dos aspirantes admitidos e excluídos en diversas categorías de persoal estatutario.

Data de actualización: 08/07/2026