Preto de medio cento de nenos e nenas gozan das actividades do ‘ConciliaTea’ grazas ao Plan Corresponsables da Xunta

O concello de Ponteareas é un dos 30 beneficiarios das axudas do Plan Corresponsables que deixaron na provincia máis de un millón de euros para impulsar servizos que faciliten a conciliación das familias

Na comarca do Condado-Paradanta foron sete os concellos que se beneficiaron destas axudas

Ponteareas (Pontevedra), 8 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o programa ConciliaTea, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ponteareas ao abeiro das axudas do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, destinadas a favorecer a conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

Durante a visita, Fernández destacou a importancia deste tipo de programas para “ofrecer alternativas de lecer aos máis pequenos durante a época de vacacións, á vez que se facilita a conciliación familiar”.

O delegado territorial lembrou que a Xunta destina este ano un total de 7,4 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de conciliación en toda Galicia. Desta contía, 6,5 millóns de euros están dirixidos ás iniciativas impulsadas polos concellos, mentres que 600.000 euros se destinan ás actividades organizadas polas ANPAS e 300.000 euros a proxectos promovidos por entidades sociais.

No caso da provincia de Pontevedra ao redor de 30 concellos resultaron beneficiarios destas axudas, cun investimento próximo ao millón de euros. Na comarca do Condado-Paradanta son sete os municipios que reciben financiamento para desenvolver programas de conciliación.

Pablo Fernández salientou que estas achegas permiten aos concellos poñer en marcha ou reforzar servizos como o coidado profesional de menores en espazos públicos, campamentos, programas de madrugadores, obradoiros lúdicos ou actividades culturais, “actividades que son de gran utilidade para as familias e que ademais fomenta a socialización dos máis pequenos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026