O conselleiro de Sanidade informou no Parlamento do proceso para a renovación dun dos dous aceleradores lineais que funcionan na actualidade no hospital público de Lugo

Gómez Caamaño subliña que o Lucus Augusti será o primeiro hospital do Sergas en incorporar a radioterapia adaptativa co novo acelerador lineal xa en licitación

Sinala que o contrato, licitado por 2,76 M€, representa un adianto do Plan de alta tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde, que suporá a renovación de todos os aceleradores dos hospitais galegos

Explica que o novo equipamento permitirá tratamentos máis precisos e con menos efectos secundarios para os pacientes

Remarca que no Hospital Universitario Lucus Augusti traballan de luns a venres, en horario de 08,00 a 22,00 horas, dous aceleradores lineais de forma continuada

Pide responsabilidade para non difundir información errónea ou falsa que xere intranquilidade sobre a atención aos pacientes oncolóxicos

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou hoxe que o Hospital Universitario Lucus Augusti vai ser o primeiro hospital do Servizo Galego de Saúde en incorporar á atención oncolóxica a radioterapia adaptativa grazas a un novo acelerador lineal que a Xunta xa está a licitar.

No Pleno do Parlamento, Gómez Caamaño referiuse á nova adquisición como o adianto do Plan de alta tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde, que suporá a renovación de todo o parque de aceleradores da sanidade pública.

“A radioterapia adaptativa é unha tecnoloxía que permite axustar o tratamento cada día en función da evolución do paciente, mellorar a precisión e reducir os efectos secundarios da radiación”, explicou o conselleiro de Sanidade.

Gómez Caamaño detallou que o novo acelerador lineal incorpora radioterapia guiada pola imaxe e pola superficie, permitindo calcular a dose necesaria directamente sobre a imaxe obtida no propio acelerador. Isto, para os pacientes, supón evitar probas adicionais e reducir os tempos do procedemento. O sistema de imaxe integrado neste tipo de aceleradores é capaz de obter imaxes de alta calidade con maior rapidez e cun campo de visión ampliado.

A Xunta publicou a licitación do novo equipamento para o servizo de Radioterapia do HULA o pasado 22 de xuño, cun investimento previsto de 2.758.800 euros.

Gómez Caamaño resaltou que a atención a pacientes con cancro da provincia de Lugo non só está garantida senón que, con este investimento do Goberno galego, será reforzada proximamente.

En referencia aos recursos actuais, o conselleiro de Sanidade pediu, no Pleno, responsabilidade para non difundir información errónea ou falsa que xere intranquilidade a pacientes oncolóxicos.

En particular, fixo mención á operatividade dos dous aceleradores lineais que están a dar servizo no HULA en horario continuado, de luns a venres, de 08,00 a 22,00 horas. “Son 14 horas diarias que permiten dar cobertura axeitada a toda a demanda asistencial do servizo”, remarcou Gómez Caamaño.

O Servizo Galego de Saúde conta cun protocolo previsto para facer fronte ás avarías polo cal os tratamentos dos pacientes de Lugo non son interrompidos e, en caso de ser preciso, poden ser trasladados a Santiago de Compostela.

O conselleiro de Sanidade explicou que aínda que durante a Semana Santa un dos aceleradores do Lucus Augusti sufriu unha avaría, en ningún momento se viu comprometida a continuidade da asistencia e ningún paciente tivo que ser trasladado.

“Falar de risco para a seguridade dos pacientes non se corresponde coa realidade e só contribúe a xerar unha alarma innecesaria entre persoas especialmente vulnerables”, lamentou Gómez Caamaño.

O responsable do departamento sanitario da Xunta rematou a súa intervención lembrando que o Goberno galego ten como prioridade a mellora continua da atención a pacientes con cancro. Como mostra, citou o Centro de Protonterapia de Galicia que ten previsto atender os primeiros pacientes entre finais deste ano e comezos de 2027, e converterase no primeiro en ofrecer este tratamento na sanidade pública española.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026